Saltar ao contido principal

A Galiza triplica nunha década a perda de poboación xuvenil da Unión Europea

 O número de persoas menores de 19 anos no conxunto da poboación galega reduciuse en 20% no que vai de século. Ademais, as proxeccións da Unión Europea advirten de que o ritmo de perda de mozos e mozas na Galiza é moi superior ao que vai sufrir o conxunto da UE


O Instituto Galego de Estatística (IGE) publicou onte as Cifras poboacionais de referencia da Galiza, datos fechados a mediados de 2024 e que reflicten os datos demográficos nese ano en comparativa cos exercicios anteriores. De novo, e asentando unha tendencia demográfica que vén desde 1997 –derradeiro ano no que na Galiza as persoas menores de idade superaban en número ás maiores de 65 anos–, hai motivos de preocupación. A mocidade é cada vez "un ben máis escaso". En 2024 os galegos e as galegas menores de idade eran 414.255. Son case 100.000 menos (en concreto, 96.462) que os galegos e as galegas nesa faixa de idade que había na Galiza no inicio do século, o ano 2000. Vese pois como nestes case cinco lustros ese colectivo rexistrou unha redución de 20%.

Este risco de desertización xuvenil non é algo que se rexistre unicamente nas estatísticas galegas. A propia Comisión Europea realiza periodicamente proxeccións poboacionais, tanto de Estados como de rexións, para ter un mapa de futuro da demografía da Unión Europea. 

No seu Informe sobre a Cohesión, as proxeccións até o final desta década indican que a poboación menor de 19 anos reducirase ao redor de 5% de media nesa década no conxunto da Unión Europea. Mais, no caso galego, esa redución triplícase e abeira 15%. Se en 2020 había 428.000 galegos e galegas entre cero e 18 anos; e en 2024 esa cifra é de algo máis de 414.000; para cando chegue 2030 serán apenas 362.000 os habitantes na Galiza nesa faixa de idade. Perderíanse, de aquí a 203o, mozos e mozas a un ritmo de 200 cada semana. 

O referido informe que onte publicou o IGE recolle tamén, axustando a mira demográfica, o peso na poboación galega das crianzas e adolescentes até os 14 anos feitos. Son, en 2024, 10,7% do total da poboación galega. Hai 10 anos, en 2014, eran case 12%; en 1994 representaban 15,4% e no lonxano 1984 eran máis de 22%. Daquela, unha de cada cinco persoas na Galiza tiña menos de 15 anos. Hoxe en día é unha de cada 10. Se a comparativa se estabelece a día de hoxe cos estados que conforman a Unión Europea dos 27, a imaxe que deita esta comparativa é ilustrativa do presente demográfico da Galiza: seriamos os últimos e con clara diferenza. Ese 10,7% de menores de 18 anos no total da poboación que hai na Galiza é unha porcentaxe que non se rexistra en ningún Estado europeo. A media no Estado español é de 13,6% e no conxunto da UE é de 14,9%.

Rexións

De cada 100 persoas que hai na Galiza, menos de 15 (14,7) aínda non fixeron os 18 anos. Unha media que só empeora noutras catro das 257 rexións da Unión Europea: Asturias, no Estado español; e Sardeña, Liguria e Molise, en Italia.

Para que unha sociedade sexa demograficamente "sostíbel" e "equilibrada", a faixa de persoas entre cero e 18 anos debería representar entre 20 e 25% da poboación, mentres que o grupo de persoas maiores de 65 anos debería moverse entre 15 e 20%. Na Galiza, porén, as persoas que superan os 65 anos son 26,3% dos galegos e das galegas. De feito, a Galiza está entre as 25 rexións da UE con maior peso na súa poboación desta faixa de idade.

Os datos de Eurostat demostran, ademais, que a medida que vai aumentando a idade a Galiza vai avanzando entre as rexións de UE con maior peso dese colectivo entre a súa poboación. Se a Galiza é o vixésimo segundo territorio con maior porcentaxe de 65 anos de idade, avanza até o posto número 13 ao falarmos de porcentaxe de persoas con máis de 80 anos: case nove de cada 100 galegos e galegas teñen esas idades. Este envellecemento da poboación galega —por riba da media da UE e de Europa en xeral— deixa a súa pegada na idade media dos galegos e das galegas: 49,4 anos, sendo a décimo novena rexión europea coa idade media máis alta. 

A idade media das mulleres no momento do primeiro parto en toda a Unión Europea é de 31,5 anos, segundo os últimos datos publicados a este respecto por Eurostat, e que corresponden a 2022. Eses 31,5 anos son unha idade media que supera Galiza, o territorio da UE onde as mulleres dan a luz a primeira crianza coa idade máis alta: 34,5 anos.

Causas

Natalidade minguante, emigración e uns fluxos de migración que non son quen de reverter aínda o envellecemento da poboación galega figuran como combinación de causas principais para unha Galiza con cada vez menos mozos e mozas. 

En natalidade, a Galiza presenta uns rexistros negativos só superados por Asturias. A taxa de natalidade galega (5,2 nacementos por cada mil habitantes) está por baixo da media da Unión Europea (9,3) e por baixo incluso da do Estado español (7,6), que se atopa no penúltimo posto da UE, só por diante de Italia (7,1). En canto á emigración, o número de persoas menores de 29 anos que marchou da Galiza entre 2009 e 2023 foi de 162.326.