Saltar ao contido principal

Shehab El-Din, xornalista de Gaza: "A miña supervivencia debeuse á resistencia á tortura das tropas israelís"

 O xornalista de Gaza exiliado en Omán Shehab El-Din, de 28 anos, está na Galiza, onde ofreceu a sexta feira unha charla e o sábado fará o propio ás 11 horas en Árbore Tenda Ecolóxica, en Vigo. Tamén membro do Sindicato de Xornalistas de Palestina, desempeñouse como profesor na Universidade al Aqsa.


—Israel está a desenvolver unha campaña de asasinatos de xornalistas e traballadores dos medios en Gaza durante o xenocidio, como se pode traballar nesas condicións? 
Traballar nestas circunstancias é un gran reto que require extrema valentía e fe na mensaxe dos medios e no tema sobre o que escriben, como pode ser cando se trata do tema do meu angustiado pobo, ao que vexo desprazado, destruído e exterminado ante os meus ollos.

Os xornalistas en Gaza traballan baixo constante ameaza e afrontan un perigo constante para as súas vidas. Moitos dos meus colegas perderon a vida, mais entenden a importancia de transmitir a verdade ao mundo.

As últimas estatísticas din que o número de xornalistas palestinos que foron martirizados desde o inicio da guerra na Faixa de Gaza o 7 de outubro de 2023 alcanzou os 192. Esta cifra supón un aumento significativo dos ataques contra xornalistas, xa que o número de xornalistas asasinados en Gaza durante este conflito foi máis do dobre do número anual de xornalistas asasinados en todo o mundo.

Esta situación pon de manifesto os graves riscos que enfrontan os xornalistas nas zonas de conflito e remarca a urxente necesidade de protexelos e garantir a súa seguridade no exercicio das súas funcións. Perante estes desafíos, dependen da solidariedade entre colegas, do seu compromiso ético e do uso de medios alternativos para informar das novas se son atacados ou o seu traballo é restrinxido.

—Como sobreviviches aos ataques sionistas e ao teu arresto o pasado ano?
Fun detido durante unha campaña masiva dirixida a todas as persoas novas e as mulleres, e como Israel sempre traballa para suprimir as voces libres en Gaza, o obxectivo principal era silenciar os xornalistas e os traballadores dos medios.

Traballo para cubrir eventos e transmitir a verdade ao mundo a través de diversos medios e redes sociais. A miña supervivencia debeuse á miña capacidade para soportar e resistir o interrogatorio do Exército de ocupación israelí, así como a tortura e a severa violencia dos soldados de ocupación. Como non pertenzo a ningunha facción palestina son un xornalista sen ataduras, isto axudoume a previr as violacións continuas contra min.

—Que ocorreu coa túa familia? Podes manter o contacto cos que aínda están vivos? 
Por desgraza, perdín moitos dos meus familiares durante os ataques en curso, moitos amigos, moitas persoas boas e prezadas e até ás persoas máis próximas a min como a miña querida irmá, Lamis, que foi martirizada co seu fillo Kamal, de 10 anos.

Deixou atrás a súa filla Karaz, que non ten ninguén que a atenda. [Moitas] Familias non teñen  ninguén vivo alí, e intento manter o contacto o máximo posíbel a través dos limitados medios para comunicarse, pero as condicións son moi difíciles.

A separación [tras a súa marcha de Gaza] é unha das cousas máis dolorosas, mais iso motívame para seguir traballando e descubrir os crimes cometidos pola ocupación israelí do meu país.

—A que se debe o racismo contra o pobo palestino noutros países árabes? Que papel xogan no xenocidio en Gaza?
O racismo contra o pobo palestino nalgúns países árabes adoita xurdir da politización da cuestión palestina e da súa conexión cos intereses rexionais. Os países árabes non son sinceros no seu apoio á causa palestina.

Algúns deles participan no xenocidio en Gaza proporcionando axuda e apoio a Israel, e algúns Gobernos promoven estereotipos negativos sobre os palestinos para xustificar as súas políticas ao respecto ou normalizar as súas relacións con Israel. 
Isto leva a unha redución do apoio popular e oficial á causa palestina, o que debilita os esforzos para enfrontar o xenocidio e alenta a ocupación a continuar coas súas violacións sen render contas.

Ao tempo, agradezo ao pobo e ao Goberno de España o seu apoio á causa palestina e o seu recoñecemento ao Estado de Palestina nos foros internacionais, e animo outros países a seguir o seu exemplo. 

Unha guerra contra a información

Os bombardeos indiscriminados de Israel contra a poboación civil de Gaza contrastan cos ataques selectivos a profesionais dos medios de comunicación. Arredor de 200 foron asasinados no enclave palestino desde o comezo do xenocidio perpetrado polos sionistas en outubro de 2023, nuns ataques selectivos que tamén se estenden a profesionais da saúde entre outros ámbitos.

O carácter indiscriminado da agresión israelí foi ratificado polo xornal sionista Haaretz, que citou oficiais e soldados que afirmaron que os seus comandantes ordenaron ou permitiron o asasinato de mulleres, crianzas e homes desarmados no corredor Netzarim, unha faixa que cruza Gaza e que foi estabelecida polos militares israelís para dividir o territorio.

O medio incidiu en que nunha ocasión un comandante anunciou que 200 combatentes morreran, pero só estaba confirmado que 10 desas persoas o foran. Tamén describen como os comandantes recibiron poderes para bombardear edificios que antes requirían da autorización de altos mandos militares.