Saltar ao contido principal

'O soño da sultá' candidata a Mellor Filme nos Premios do Cinema Europeo

 'O soño da sultá', un proxecto de animación desenvolvido pola galega Chelo Lourido e a súa produtora, Abano Producións, é candidata a Mellor Filme Europeo de 2024 nos Premios de Cinema Europeo que se entregan este sábado 7 na cidade suíza de Lucerna. 


Pase o que pase, o éxito está acadado: O soño da sultá, o filme dirixido pola vasca Isabel Herguera e producida pola galega Chelo Loureiro, está nominada para os premios do Cinema Europeo -que se entregan o vindeiro sábado 7, en Lucerna (Suíza)- non só na categoría de Mellor Filme de Animación, senón tamén no de Mellor Película Europea, competindo en pé de igualdade cos filmes de imaxe real. A película, que vén de obter o Gran Premio Contrechamp do Festival de Anneacy -probabelmente o máis importante no campo da animación- foi tamén a primeira produción de animación europea que competiu en toda a historia do Festival de Donostia.


Non deixa de chamar a atención a pouca atención que os Premios de Cinema Europeo reciben dos medios de comunicación, especialmente se o comparamos coa marea de noticias que se despregan para cubrir os Premios Oscar da Academia estadounidense do cinema.

"Entendo que o público, en xeral, descoñece o significado destes premios", declara Chelo Loureiro en conversa con Nós Diario. "Non se coñece a transcendencia que teñen, que é moita. Moita máis que os Goya. A xente descoñece que, por exemplo, é máis dificil acceder á Sección Oficial do Festival de Donostia que recibir un Goya". 

Chelo Loureiro fala coa autoridade que lle dá o ter pasado polo Donostia Zinemaldia e poder presumir de ter 4 premios Goya no seu poder (por Decorado, de Alberto VázquezValentina, dirixida por ela mesma, Unicorn Wars, tamén de Vázquez e To Bird or Not To Bird, de Martín Romero), entre outra gran cantidade de premios e nominacións.

"Quizais a resposta estea en que aquí a animación -polo menos dunha forma profesional- comezou practicamente ao mesmo tempo que o cinema de imaxe real e que o resto do audiovisual" opina Loureiro. "Foi un proceso no que se foron formando moitos profesionais dunha calidade excelente e aquí, ademais, xogamos con dúas bazas: por un lado, un enorme talento en contadores de historias, que é a base fundamental de todo cinema; e tamén debuxantes de primeira categoría. Con esa combinación non é difícil ter un bo cinema de animación".

Loureiro lembra que desde que os premios Goya instauraron as categorías de animación (Mellor Película desde 1989 e Mellor Curtametraxe desde 1994) o 50% das gañadoras son producións galegas ou cunha alta participación galega.

A cantidade orzamentaria

"O que ocorre tamén é que na animación precisas por forza un orzamento alto", matiza a produtora. Nun filme de ficción, aínda que teñas un orzamento baixo, se tes un bo elenco, podes lograr un filme de calidade. Na animación cada euro que invistes nótase, e cada euro que non invistes nótase aínda máis".

Por iso moitas veces a participación galega queda desdebuxada: porque a produción precisa buscar socios que invistan no proxecto e que, en función do volume de financiamento que acheguen, poñen determinadas condicións como, por exemplo, quen será a persoa que vai dirixir o filme ou a lingua na que se vai estrear.

"Iso ocorre con moita frecuencia: nós desenvolvemos un proxecto pero, á hora de resolver o financiamento, a nosa produtora [Abano Producións] acaba tendo unha participación moi pequena. E iso sucede, en boa medida, porque as institucións galegas non están apoiando o cinema do país en proporción aos éxitos que consegue. Territorios como Catalunya ou Euskadi non só invisten máis directamente, senón que ofrecen uns incentivos fiscais que permiten que as súas produtoras se poidan embarcar en producións de certa entidade. Se en Euskadi podes desgravar até o 70% do teu investimento nun proxecto cinematográfico, iso facúltache para arriscar. E iso non sucede na Galiza. E se queremos sacar adiante un proxecto e aquí non hai quen invista, teremos que ir onde si hai".

Nun momento coma este, ademais, no que o despegue das plataformas multiplica os postos de traballo no audiovisual, córrese o risco de que se dea unha fuga de talentos que, atraídos por unha oferta que non se dá na Galiza, abandonen o país en busca dunhas mellores condicións laborais.

"Claro, unha cousa acompaña a outra. Euskadi, Catalunya ou Canarias son territorios nos que se están rodando moitísimas películas, e iso é traballo para os elencos e os cadros técnicos. E esa experiencia, despois, reverte na calidade do cinema deses territorios. Na Galiza xa está máis que demostrado que hai talento e que hai calidade, así que cumpriría consolidar e reforzar unha industria que está dando tantas alegrías".

Na compaña do mellor cinema europeo

Os Premios do Cine Europeo teñen como obxectivo recoñecer as mellores películas dos últimos doce meses procedentes da Europa xeográfica, é dicir, inclúense obras de países pertencentes e non pertencentes á Unión Europea. Unha das novidades deste ano é que as categorías de Mellor Documental e Mellor Película de Animación tamén optan á categoría de Mellor Película Europea, que este ano nomina 15 películas, entre elas O soño da sultá, que competira con, entre outras, Emilia Pérez de Jacques AudiardLa habitación de al lado, de Pedro Almodóvar, Bye Bye Tiberias, de Lina SoualemA substancia, de Coralie Fargeat, ou Dahomey, de Mati Diop.  

O soño da sultá, é unha historia india escrita en 1905 por Rokeya Hussein. Inés é unha directora de animación española que está en Ahmedabad para romper co seu amante indio Àmàr. Casualmente entra nunha libraría onde descobre O soño da sultá, unha novela de Rokeya Hossain na que fala dun país imaxinario gobernado por mulleres. Fascinada pola historia e a actitude transgresora da autora, Inés decide facer unha película, e daquela,  a historia de Inés e a de Rokeya Hossain transcorren paralelas. 

A calidade artística

Este fito de que unha película argallada na Galiza chegue a ser candidata ao título de mellor filme europeo sorprende a moita xente: como un país pequeno coma o noso, cunha industria que aínda está a moita distancia da doutros territorios da nosa contorna, pode ter tal cantidade de presenza no cinema internacional, e especialmente no campo da animación?