Saltar ao contido principal

O PP abre a porta ao español na CRTVG

 No artigo sete do proxecto de lei aprobado esta segunda feira polo Goberno galego apunta a que os contidos serán en galego "sen prexuízo da utilización doutras linguas".


O proxecto de Lei de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual da Galiza para a sociedade dixital aprobado na súa sesión de onte polo Consello da Xunta da Galiza abre a porta ao emprego doutras linguas diferentes ao galego nos medios da Corporación da Radio e Televisión da Galiza (CRTVG).

Neste sentido, recolle no seu artigo sete que os contidos da radio e da televisión públicas da Galiza serán producidos en galego “sen prexuízo da utilización doutras linguas cando así o xustifique o cumprimento da misión de servizo público co fin de dar a coñecer a identidade cultural da Galiza fóra do territorio da comunidade autónoma”.

A Mesa pola Normalización Lingüística respondeu a proposta do Goberno galego. A este respecto, o presidente da entidade, Marcos Maceira, denunciou “o cinismo da Xunta da Galiza que por unha banda sinala que quere un pacto polo galego e pola outra continúa recortando os seus usos na única televisión e radio que emite a súa programación na lingua propia do país”.

Nesta liña, afirmou que “pretende esquecer o papel central que os medios públicos galegos teñen na normalización da lingua galega, a pesar do amplo apoio social de propostas como a Iniciativa Xabarín, impulsada pola Mesa”. 

“Queren expulsar máis o galego da única televisión onde se usa”, denuncia Maceira, “a TVG, a de todos e todas nós, e negarnos o dereito á atención no noso idioma eliminando o requisito de coñecelo na función pública”. “Mentres”, remata, “falan dun novo acordo ao que pretenden chegar negándose a recibir á Mesa pola Normalización Lingüística que en abril e setembro solicitou unha reunión e non recibiu nen acuse de recibo”.

O PP defendía en setembro o uso doutros idiomas, máis aló do galego, nos contidos da CRTVG, pois entenden que o emprego de linguas como o español ou o inglés permitirá proxectar Galza e a súa cultura "ao mundo". Así o manifestara a deputada do PP Carmen Pomar, encargada de defender a postura do grupo maioritario durante o debate dunha iniciativa do BNG que reclama a retirada do anteproxecto da Xunta para a CRTVG.

Na defnsa da iniciativa, a nacionalista Olalla Rodil, afirmara que esta intención do PP supuña un "enorme retroceso democrático", un "asalto" á CRTVG e un "ataque directo aos dereitos lingüísticos".