O Goberno español declara "ilegal e ilexítimo" o tribunal que sentenciou a morte o dirixente nacionalista Alexandre Bóveda e tamén declara "ilegal e nula" a sentenza. Bóveda foi asasinado o 17 de agosto de 1936. O presidente español, Pedro Sánchez, entregou esta terza feira en Madrid a Amalia Bóveda, filla do que foi un dos fundadores e líder do Partido Galeguista, o documento desta reparación. "É un recoñecemento simbólico, pero importante", declarou unha emocionada Amalia a Nós Diario. "Esta reparación aínda non a fixo o Goberno galego", lamenta a familia
"É un paso positivo, como o é calquera acto de lembranza e homenaxe a Bóveda e os represaliados", manifesta momentos antes do acto a Nós Diario Valentín G. Bóveda, neto de Alexandre Bóveda e representante da Fundación que preserva e promove a figura e obra do seu avó. Mais, indica, a nulidade decretada polo Goberno español do xuízo e a sentenza "sendo importante, é simbólica", ao ser adoptada polo poder executivo.
Explica que este recoñecemento non supón anular de facto a resolución que condenou Alexandre Bóveda —"no expediente desa sentenza non vai figurar na última páxina unha anotación dun xuíz dicindo que se anula a sentenza"— e que iso implica que non se poden pedir reparacións nin compensacións nin devolucións de bens expoliados.
"Temos sentimentos encontrados", sinala Valentín Bóveda, "pois ao tempo que se avanza, aínda que sexa simbolicamente, vemos como un señor desde a tribuna do Congreso pode dicir que o franquismo foi estupendo e non pasa nada". Neste sentido, apela a avanzar "máis, para ter memoria social", Ao falar de memoria histórica "non estamos a falar de chotos, xa choramos bastante; estamos a falar de que en 2024 hai vítimas de violacións de dereitos humanos, que sofreron crimes de,esa humanidade e continúan sen reparar".
"Miña nai morreu con esa pena"
Amalia Bóveda, a filla máis nova de Alexandre Bóveda e Amalia Álvarez, non chegou a coñecer o seu pai, asasinado antes de que nacera. Mais coñeceuno a través da súa nai e desde entón preserva a memoria dun dos grandes líderes do Partido Galeguista."Para mine ste acto é emocionante pero para miña nai chega tarde. Ela morreu con esa pena", confesa a Nós Diario antes de principiar o acto en Madrid. "Miña avoa morreu en 2001 sen que se lle recoñecese que o que lle fixeron ao seu marido foi inxusto, que era todo o que pe´dia", engade Valentín Bóveda. Para Amalia, "aínda que sexa simbólica", a reparación escenificada esta terza feira "é importante".
O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, interveu ao final do acto que se desenvolveu no Auitorio Nacional da Música e negou que este buscase "separar" ou "abrir trincheiras", senón "unirnos nunha memoria obxectiva e común". Sánchez advertiu do "periogo de involución" da man de discursos franquistas e aqueles que equiparan ambos os dous bandos. "Fagamos todo o que estea na nosa man por cultivar a memoria", concluíu.
O acto principiou coa interpretación de Acordai, unha canción portuguesa obra de Fernando Lopes Graça, a cargo dun coro de mozos e mozas: "Acordai / Homens que dormis / A embalar a dor / dos silêncios vis!". En representación das homenaxeadas e homenaxeados interveu Lucía Izquierdo, nora de Miguel Hernández. "E un camiño moi longo o que tivemos que facer, pero chegamos", afirmou.
"Esta reparación aínda non a fixo o Goberno galego", lamenta a familia
"Este recoñecemento debía ser feito na Galiza, polas institucións galegas mais aínda non se fixo agás o do Parlamento da Galiza [un acto de homenaxe en xuño de 2023]", declara a este diario Amalia Bóveda. "Fíxoo antes o Goberno central que o Goberno galego", lamenta a filla do histórico dirixente galeguista asasinado na Caeira (Poio) en agosto de 1936. Aínda así, Amalia non quere perder a esperanza: "Algún día farase esa reparación, chegará ese día, e eu vereino ou non".
Valentín Bóveda pide que non se lle malinterprete. "Vimos encantados a Madrid a tomar parte a este acto". afirma, mais "isto debería facerse na Galiza, por parte do Goberno galego, do presidente galego, e non se fai", conclúe. "O presidente da Xunta da Galiza é presidente dunha Galiza con autogoberno porque xente como Bóveda loitou por iso", afirma, "mais optan polo silencio e ese silencio di moito".
O acto desta terza feira en Madrid suma o nome de Bóveda ao doutros galeguistas obxecto de reparación e recoñecemento polo Goberno estatal ao abeiro da Lei de memoria histórica. En xullo de 2023 unha comunicación formal do Ministerio da Presidencia anulaba oficialmente a condena a Plácido Castro polo franquismo. Pouco despois, outubro de 2023, o Estado reparaba oficialmente Castelao no Día oficial de homenaxe aos represaliados.