Saltar ao contido principal

O dereito á liberdade de expresión e a comunicar e recibir libremente información veraz, así como o dereito á folga, “vulnéranse reiteradamente nesta empresa pública”, denuncia a representación legal do persoal.

 

Persoal da CRTVG pide que se respecten os dereitos fundamentais que recoñece a Constitución


No día no que se conmemora a aprobación hai 46 anos da Constitución española, o comité de folga da CRTVG, que esta sexta feira convocou por 29ª vez un paro para abortar a emisión do programa O Termómetro, fai un chamamento para que se respecten na Corporación os dereitos fundamentais que recoñece a Carta Magna.



As folguistas lembran esta sexta feira as condenas que recibiu a CRTVG por vulneración do dereito á liberdade de expresión dun traballador, por vulneración do dereito á folga en reiteradas ocasións e piden, “para non continuar a sumar sentenzas que evidencian a falta de respecto aos dereitos fundamentais”, que se arquiven “dunha vez os expedientes disciplinarios abertos a dúas traballadoras no marco da longa mobilización en curso”.

Segundo o comité de folga, a instrutora destes expedientes está a “demorar inxustificadamente o avance da investigación para intentar amedrentar o persoal” para que non secunde os paros, “un obxectivo que afortunadamente a dirección non conseguiu nin conseguirá”.

A folga, que remata co paro desta sexta feira a súa novena semana, continuará na segunda e cuarta feiras da semana vindeira con paróns de dúas horas e cuarto, para encarar xa a sexta feira 13 de decembro unha convocatoria de folga de 24 horas que afectará a todo o persoal de todas as quendas, coincidindo co que sería o día de emisión do último dos 65 programas d’O Termómetro contratados ás produtoras externas. A partir dese día, a folga entrará en suspensión até que se coñezan os plans da dirección con respecto á produción propia despois da programación especial do Nadal.