Francia ignora o TPI e defende que non deterá Netanyahu.
Joseph al-Qassifi, que encabeza o Sindicato de Editores de Prensa Libaneses, condenou o ataque e denunciou que é unha “continuación da serie de crimes perpetrados por Israel contra xornalistas desde 2023, que resultou no asasinato de cando menos 12 reporteiros e camarógrafos, ademais das decenas que quedaron discapacitados ou gravemente feridos”.
Seguindo coas ameazas das últimas xornadas, deixando entrever que acabarán co alto o fogo en calquera momento, o Exército israelí vetou calquera movemento entre a tarde da cuarta feira e a mañá da quinta ao sur do río Litani, advertindo que isto suporía exporse “a un perigo”. En paralelo, catro persoas foron arrestadas polas tropas israelís na área.
Isto chega despois de que, após as celebracións polo que se considera no país unha vitoria de Hezbolá ao impedir a invasión, parte do máis dun millón de persoas desprazadas no Líbano pola agresión israelí trataran de volver ás súas casas.
Malia que o Exército do Líbano, como parte do alto o fogo, xa comezou a tomar posicións no sur do país, un funcionario sionista incidiu en que a retirada dos seus militares das poucas zonas que foron capaces de conquistar será gradual.
Logo da suspensión das hostilidades, os militares sionistas intensificaron os bombardeos contra Gaza, con énfase no hospital Kamal Adwan, no norte. Máis de 44.200 palestinas e palestinos, 40% crianzas, foron asasinados por Israel desde o comezo do xenocidio en outubro do pasado ano. Isto levou a que o Tribunal Penal Internacional (TPI) emitira unha orde de arresto por crimes de guerra e contra a humanidade ao primeiro ministro do Goberno de extrema dereita sionista, Benjamin Netanyahu.
En paralelo á emisión desta orde, tanto desde os Estados Unidos como desde a Unión Europea (UE), principais aliados e provedores de armas israelís, se multiplicaron as críticas contra o organismo internacional. Neste sentido, despois de que o Goberno ultradereitista húngaro afirmara que non a aplicaría, con países como Alemaña cuestionando tamén que a fosen respectar, o Ministerio de Exteriores francés asegurou a cuarta feira que tampouco cumpriría coa súa obriga legal.