Saltar ao contido principal

Estes serán os cambios que se aplicarán nas diversas tarifas do gas coa entrada do ano 2025

 O custo da materia prima nesta revisión de xaneiro depende do custo do gas de base e a introdución do gas estacional coa chegada do inverno.


A tarifa de último recurso (TUR) de gas natural individual sen impostos incrementarase coa entrada de 2025, desde o 1 de xaneiro, 10% con relación ao prezo estabelecido o pasado 1 de outubro, pola chegada do inverno e a incorporación do gas estacional, mentres que a TUR veciñal incrementarase entre 13,5% e 18,3%, segundo a resolución publicada esta segunda feira no Boletín Oficial do Estado (BOE) cos prezos para o próximo trimestre.

O custo da materia prima nesta revisión de xaneiro depende do custo do gas de base e a introdución do gas estacional coa chegada do inverno, o que lanza un valor de 3,87 céntimos de euro por megawatt hora (MWh), un custo 19,6% máis elevado que na revisión de outubro, sen gas estacional.

Segundo informaron en fontes do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (Miteco), o custo do gas de base é de 24,45 euros por megawatt hora (MWh), 2,38% menos respecto á tarifa vixente, polo descenso da cotización do Brent (-6,21%) e a depreciación do euro fronte ao dólar (-2,39%) con relación ao trimestre anterior. O custo do gas estacional é de 44,39 euros/MWh, 5,97% máis elevado que na tarifa vixente.

Desta maneira, a TUR individual increméntase unha media de 10% con relación ao 1 de outubro a partir deste inicio de 2025. Aínda así, é 22,29% máis baixa que a tarifa aplicábel en xaneiro de 2023, en plena crise enerxética.

En concreto, para unha cliente media da TUR1, con cociña e auga quente sanitaria, supón un ascenso de 8,89% na súa factura anual con impostos, mentres que para unha da TUR2, con cociña, auga quente sanitaria e calefacción, suporá un crecemento de 10,48%. Mentres tanto, para unha da TUR3, as pequenas e medianas empresas, o aumento será de 11,59%.

A TUR veciñal

No caso da TUR veciñal, o artigo 2 da Real Decreto-lei 18/2022, do 18 de outubro, creou unha nova tarifa de último recurso de gas natural, aplicábel temporalmente ás comunidades de propietarias, agrupacións de comunidades de propietarias e ás empresas de servizos enerxéticos que lles presten servizo. Mediante a Real Decreto-lei 4/2024, do 25 de xuño, ampliouse a súa aplicación de maneira indefinida.

Para estas usuarias, a partir do próximo 1 de xaneiro, o termo variábel da TUR veciñal sobe entre 13,5% e 18,3%. En concreto, para a TUR 4 o ascenso será de 13,5%; para a TUR 5 de 13,6%; para a TUR 6 de 15,6%; para a TUR 7 de 17,8%; para a TUR 8 de 18%; para a TUR 9 de 18,1%; para a TUR 10 de 18,1% e para a TUR 11 de 18,3%.

A TUR de gas natural é unha tarifa regulada á que pode acollerse calquera usuaria conectada a redes de gas natural de presión inferior ou igual a catro bar e cuxo consumo anual sexa inferior ou igual a 50.000 quilowatts hora (kWh). Mediante o Real Decreto-lei 18/2022, do 18 de outubro, ampliouse a súa aplicación ás comunidades de propietarias e empresas de servizos enerxéticos que lles presten servizo.

A tarifa regulada de gas natural revísase trimestralmente o primeiro día dos meses de xaneiro, abril, xullo e outubro de cada ano, producíndose a súa actualización sempre que o custo da materia prima incluído na tarifa experimente unha variación á alza ou á baixa superior a 2% respecto ao valor empregado na tarifa en vigor ou, en calquera caso, cando entren en vigor novos peaxes ou canons. O seu valor faise público no BOE.