O paro baixa en 472 persoas, un 0,39%, e sitúase en 121.742
A Seguridade Social perdeu unha media de 2.255 cotizantes en novembro na Galiza con respecto ao mes anterior (-0,21%), un descenso algo superior ao da media (-0,1%), segundo os datos que publica esta terza feira o Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións. Son, en total, 1.081.121 afiliados na comunidade galega, un 1,65% máis que en novembro de 2023, após gañar de media o sistema 17.555 persoas dadas de alta. O 1.081.121 de persoas afiliadas repártese entre os 858.475 do réxime xeral, 204.245 autónomos e 18.402 do mar.
No conxunto do Estado a Seguridade Social perdeu unha media de 30.051 cotizantes en novembro respecto ao mes anterior (-0,1%), o seu peor dato neste mes desde 2019, debido ao forte retroceso da ocupación na hostalaría, que destruíu máis de 118.700 empregos após o fin da temporada turística, especialmente nas Illes Balears.
Após o descenso de ocupados rexistrado no penúltimo mes do ano, o número de afiliados medios situouse en 21.302.463 cotizantes, marca para un mes de novembro na serie histórica. A serie diaria de cotizantes mantívose por encima dos 21,3 millóns desde o día 18 de novembro até final de mes.
A caída de afiliados do mes pasado é o peor rexistro nun mes de novembro desde 2019, cando a ocupación retrocedeu en máis de 53.000 persoas. En novembro de 2023 e 2022, a afiliación diminuíu en 11.583 e 155 cotizantes, respectivamente, mentres que en 2021 e 2020 aumentou en máis de 61.700 e 31.600 persoas ocupadas, respectivamente. No entanto, o Ministerio sinalou que o comportamento da afiliación de novembro deste ano foi "levemente mellor" que a media de 2017, 2018 e 2019.
Descende o paro
Polo que se refire ao paro rexistrado nas oficinas dos servizos públicos de emprego, baixou en 472 persoas en novembro na Galiza, un 0,39% intermensual, por baixo da media, até situar o total en 121.742 desempregadas, segundo os datos dados a coñecer esta terza feira polo Ministerio de Traballo e Economía Social.
En relación cun ano atrás, a comunidade galega rexistra un descenso, en termos absolutos, de 9.426 parados, o que representa unha caída do 7,19%, superior, neste caso, á media estatal. Segundo sector de actividade económica, os desempregados baixaron sobre todo na industria (208 persoas menos), tamén nos servizos (77 menos) e na construción (70 menos). O colectivo sen emprego anterior experimentou unha diminución de 147 parados e só se incrementou o paro na agricultura (30 persoas máis).
Entre estranxeiros, o desemprego alcanza a 10.987 persoas, que son 89 menos que en outubro (-0,8%) e 336 máis que en novembro de 2023 (+3,15%), repartidos entre comunitarios (2.943) e extracomunitarios (8.044).
Baixan os contratos
Os contratos asinados en novembro na Galiza foron 54.406, o que apunta unha diminución intermensual de 12.890 (-19,15%) e interanual de 2.818 (-4,92%).
A distribución foi de 36.026 contratos temporais (7.789 menos que en outubro e 3.027 menos que en novembro do ano anterior) e 18.380 indefinidos (5.101 menos e 209 máis, respectivamente). No acumulado, a comunidade presenta 671.414 contratos, deles a maior parte (457.459) temporais, 68,13%; e os 213.955 restantes (31,87%) indefinidos.
Prestacións
Pola súa parte, as prestacións, con datos de outubro, alcanzaron un gasto de 86,9 millóns, cunha contía media da prestación contributiva percibida por beneficiario de 960,2 euros ao mes. Houbo en total 31.982 solicitudes e 30.336 altas, de modo que o prazo de recoñecementos alcanzou os 0,64 días. Os beneficiarios alcanzan os 78.899.