Culturgal converteuse no grande espazo de encontro da cultura galega, pero ademais dun escaparate que tenta definir en que momento estamos, é unha oportunidade para reflexionar sobre as estratexias que debería adoptar a cultura do país.
Culturgal está a mudar. Sen perder a súa natureza de feira onde se mostran as potencialidades da cultura galega, vira para pór o acento na creación de públicos: digamos que xa non fala só para as persoas convencidas, senón que pretende convencer. "Para min ese debe ser o punto de partida", explica Camilo Franco, director da Culturgal, a Nós Diario. "Mesmo cando esa non fose a intención primitiva, o Culturgal é un escaparate, e está perfectamente aliñado coa situación da cultura do país. Ou de todas esas culturas que en conxunto forman o que chamamos, por convención, cultura galega. Hai moitas culturas aí dentro e todas teñen dereito a estar presentes na Culturgal".
Franco defende, desde que asumiu a dirección da feira, que o gran reto da cultura galega é conseguir públicos para a cultura galega, e está mudando a dirección do Culturgal nese sentido. "Ese non é un traballo específico de Culturgal, pero si creo que é un labor que debe facer, en conxunto, todo o sistema cultural do país. Non se pode concibir ningunha actividade cultural sen público, ese non é un obxectivo nunha sociedade normal".
Novos retos da cultura
Os cambios que está implementando o director de Culturgal teñen como obxectivo adaptarse ás mudanzas que o mundo cultural -o galego e, en xeral, o de calquera sociedade das que conforman a nosa contorna- sufriu na última década, uns cambios que poñen unha cultura non de todo normalizada, como a galega, ante retos importantes.
"A oferta, como mínimo, multiplicouse por seis e a cultura galega tentou responder a ese desafío, pero iso tamén significou que o escenario está agora máis fragmentado. Máis alá das súas particularidades, a cultura padece na Galiza os mesmos vaivéns que o resto das culturas do mundo: agora mesmo, o consumo cultural esta moi orientado ou a grandes eventos ou a microeventos. E todo o que había antes no medio, está en fase de desaparición. As obras intermedias, o que antes conformaba a clase media cultural, está tendo máis problemas para sobrevivir. A Galiza vai moi ben en microeventos, non tan ben en macroespectáculos, e esoutra parte do medio -que eu creo que era a oferta fundamental que armaba a cultura do país- penso que está nun momento no que precisa visibilidade, precisa ser reivindicada para que o público saiba que exista. A comunicación dos grandes eventos está asegurada: calquera telexornal vai falar da última estrea de Marvel ou do último musical que se estree en Madrid, pero non vai contar o que sucede con proxectos máis pequenos. E, polo tanto, ao público estáselle negando a posibilidade de dispoñer de toda a diversidade que ofrece o mundo cultural na actualidade. En consecuencia, o Culturgal ten a obriga de facer algo nesa dirección, mostrarlle á xente que hai moitas cousas na cultura galega que poden interesarlle e coas que pode desfrutar".
O certo é que a maioría do público galego, por circunstancias talvez alleas ao mundo da cultura, descoñece unha gran parte da oferta cultural do país. E desde que se fixo responsábel do Culturgal, Camilo Franco declarou que a súa intención era máis pór o foco nas virtudes da produción cultural do país que nas dificultades que ten para saír adiante. "Sobre todo agora mesmo, que no mundo se deu ese cambio no consumo cultural cara aos macroeventos. O que hai dez anos era a corrente principal, está sendo opacado por esa tendencia. Isto é algo que se dá en todas as partes do mundo, pero á cultura galega aféctalle máis, porque xa vén dunha situación máis feble. Unha debilidade que non é consecuencia dun problema artístico nin creativo, senón de como se vai conformando a sociedade, de como se están uniformizando os gustos culturais. Iso afecta tamén á cultura portuguesa, á española e á francesa, pero incide moito máis nas culturas con máis problemas de comunicación como a nosa".
Nos microeventos as cousas funcionan relativamente ben porque é moi sinxelo convocar 70 ou 100 persoas, pero ten a contrapartida de que ás creadoras resúltalles máis difícil subsistir economicamente. Cando se quere dar un paso máis alá, as cousas comezan a complicarse, porque as redes de comunicación están saturadas polos macroeventos. "En realidade, é un reflexo dunha sociedade na que se dá preferencia á concentración de capital. O pequeno sobrevive mentres se limita a cubrir un nicho, pero o que ocupa un lugar intermedio vai desaparecendo porque o mercado xoga a favor das grandes cadeas. Na cultura internacional pasa o mesmo: a xente acepta pagar unha entrada de 150 euros para ir a un festival con outras 30.000 persoas, pero logo non ten acceso á información que lle permite ir a un concerto de 400 ou 600 persoas que permite ampliar os horizontes e que, ademais, resulta máis barato. E o nicho si que permite que recuperes a proximidade cando vas a un café, a un concerto de 50 ou 60 persoas, porque aí a comunicación dáse case porta a porta. Pero claro, o diñeiro que se move non é o que moven Rosalía ou o regreso de Oasis".
Unha das cousas que cambiou no mundo cultural é a importancia do número. Do número do público, do número de xente implicada nas producións... Precísase que as cousas sexan grandes. En certa forma é unha reacción a unha visión da cultura que estaba baseada unicamente nos argumentos, e hoxe é socialmente máis relevante unha persoa famosa que unha persoa con argumentos.
"Claro, e iso tamén está sucedendo hoxe no mundo cultural e é o que provoca a uniformización dos gustos. Na cultura cabe todo o mundo, reflicte todas as ideas, todos os gustos e todas as formas de evadirse ou de descansar. Houbo un momento en que a variedade da cultura significaba riqueza, pero agora existe a sensación de que todo está cortado polo mesmo patrón. Iso ten que ver coa creación de grandes estruturas como plataformas de televisión, grandes grupos editoriais que dan prioridade aos best sellers... A cultura antes funcionaba cuns principios opostos a esta tendencia, e esa riqueza definía as persoas dunha maneira más real. Agora as propostas segue sendo igual de variadas, pero a percepción cambiou, a paisaxe semella máis reducida. Se ves as carteleiras das cidades e vilas galegas comprobas que existe unha oferta que permite alimentarse dos matices, pero iso non está supoñendo un maior coñecemento desa oferta por parte do público".
Comunicar a cultura
A comunicación resulta, daquela, un factor clave: o público recibe unha infinidade de estímulos para asistir a un macroevento desas características, que case sempre inciden na natureza histórica que posúen. Pero a cultura que se produce noutras condicións, menos supeditadas a un rendemento económico desorbitado, non chegan coa mesma forza aos potenciais. Cabe preguntarse cal é o papel do xornalismo cultural.
"Iso merecería un debate aparte. O xornalismo cultural viuse máis afectado pola crise de 2007 que calquera outro tipo de xornalismo. Non recibiu axudas porque a ninguén se lle ocorreu que o xornalismo debía ser tratado por seccións, pero ademais houbo unha perda de emprego, a ollo, próxima ao 60%. E tampouco se recuperou da pandemia, cando se demostrou que comunicar a cultura era moi importante. Teriamos que ter entendido que ese era un factor clave, pero non foi así, ocorreu o contrario: os medios non se decataron de que era preciso unha sección de cultura que axude a xente a discernir entre o pelotazo e a economía de proximidade. Pero o que sucedeu foi que se recortou o espazo para a cultura e que ese espazo está dirixido aos públicos masivos: favorécense as grandes correntes. A comunicación cultural foi tratada como algo do que se podía prescindir. E isto atinxe aos profesionais da cultura que decidiron que se os medios non falaban deles, substituíanos ás redes sociais. Agora vemos que as redes non dan máis de si e que, ademais, tamén xogan a favor das grandes estruturas. E a cultura galega non está especialmente ben posicionada nese ámbito dos macroeventos".
Mirar ao futuro
Culturgal, en liña con esa viraxe cara á mirada do público, tamén pretende redefinirse para buscar unha maior proxección de futuro, ser máis un adianto do que vai suceder que un resumo de que xa aconteceu. Que as persoas que asistan saian cunha idea de que libros van publicarse, que filmes van estrearse ou que grupos sairán de xira para presentar un novo disco.
"Ese non é un obxectivo cumprido ao 100%, pero si é cero que o programa deste ano reflicte mellor ese propósito, desde adiantos teatrais de estreas que terán lugar máis adiante até un avance do que pode supor dedicar o Día das Letras Galegas ás pandeireteiras, ademais da presentación das novidades literarias. Estamos nese camiño de que o Culturgal lles diga á xente que é o que vai suceder nos meses próximos".
A creación de públicos non se fai dun día para o outro, como ben saben moitas institucións, tes que operar durante anos, cunha base estábel e cun funcionamento recoñecíbel para que eses públicos se vaian identificando. Culturgal está tamén traballando nesa dirección".
"Si, queremos aproveitar o público que xa existe para ir buscando públicos novos. Eu creo que isto xa non é unha proposta estratéxica, é unha obriga de todos os axentes do mundo cultural. E se na cultura do país non se entende que este é o momento de esforzarse por atopar eses públicos, igual que noutras épocas nos esforzamos na busca da profesionalidade, entón é que non estamos entendendo a conxuntura. O mundo está agora nun momento delicado en canto a perspectivas de futuro, e a cultura nunca está fóra dese marco que estabelece o mundo. Os cambios culturais sempre obedecen aos cambios sociais".