Saltar ao contido principal

Cantar a nación: a cultura celebra 117 anos da estrea do Himno Galego

 A Coruña, Compostela, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo acolleron esta sexta feira actos de conmemoración do 117 aniversario da estrea solemne do Himno galego na Habana, promovidos por Vía Galega e a Federación Galiza Cultura, nos que se "Cantou á nación" co texto orixinal creado por Eduardo Pondal. 



Centos de persoas conmemoraron esta sexta feira o 117 aniversario da estrea do Himno galego. Baixo o lema de Cantar a nación, as sete cidades acolleron actos conmemorativos e solemnes convocados pola federación de asociacións culturais Galiza Cultura e por Vía Galega. A Coruña, Compostela, Lugo, Ferrol, Ourense, Pontevedra e Vigo lembraron o aniversario da estrea institucional do Himno -o 20 de decembro de 1907, no Gran Teatro da Habana-, coa participación dos máis representativos grupos corais destas cidades: o Coro Cántigas da Terra, Cantos de Taberna de Sedes, as corais Lucus Terra e Cántigas e Frores, o Coro Universitario do Campus de Ourense Schola Cantorum, o Grupo Maravallada, a Coral Solfa e o grupo De Vacas e as Pandereteiras A Buxaina.

Restaurar o himno fidedigno

Esta conmemoración popular, que se celebra por segundo ano consecutivo, insírese na campaña que ambas as dúas plataformas veñen desenvolvendo "para espallar os nosos símbolos nacionais: o himno e a bandeira, conscientes de que asistimos a unha intensa e acelerada españolización" da que -segundo denunciou Anxo Louzao, portavoz de Vía Galega- "é artífice a Xunta da Galiza, contribuíndo á persecución, marxinación, subordinación e ocultación de todo aquilo que nos significa como galegos e que nos identifica como nación".

Porque máis alá da efeméride, os actos tamén tiveron un propósito reivindicativo: exixir que "definitivamente se restaure oficialmente a letra do Himno Galego e que se edite unha publicación para distribuílo masivamente, nomeadamente nos centros educativos e en  todo tipo de entidades".



A investigación do máximo especialista do himno e de Eduardo Pondal, o profesor da UDC Manuel Ferreiro, comprobou, xa hai máis de 32 anos, as alteracións e erros que se foron  transmitindo no himno, alleos ao texto orixinal e vontade de Pondal. Louzao salienta que, porén, "malia as repetidas iniciativas presentadas, desde o ano 1996, polo BNG no Parlamento e despois de 40 anos da promulgación da Lei de Símbolos da Galiza, a día de hoxe, o texto do Himno continúa sen estar corrixido".

O portavoz de Vía Galega lembra os erros que contén o texto, a consecuencia das sucesivas alteracións, como a desaparición da indicación de que o texto é un diálogo; a introdución de formas idiomáticas alleas ao poema orixinal pondaliano, con castelanismos e hiperenxebrismos como ronco en lugar de rouco e iñorantes por ignorantes; a aparición de formas inexistentes no poema de Pondal e na lingua galega, como féridos por férridos ou a alteración co uso de chan en lugar de clan.

Neste sentido, os diferentes  actos remataron coa interpretación do himno galego completo, coa súa letra restaurada, de acordo co texto fidedigno, que fora  creado, por Eduardo Pondal para o Certame  Musical, convocado en 1890 na Coruña e organizado por Pascual Veiga.

O último intento para reparar o himno tivo lugar en 2023, cando se presentou a debate, no Parlamento Galego, a Proposición de lei de iniciativa lexislativa popular para a restauración do texto fidedigno do himno galego e a súa difusión, promovida por Vía Galega e Galiza Cultura e avalada por perto de 16.000 sinaturas, e que foi rexeitada cos votos en contra do PP e PSOE e só contou cos votos favorábeis do BNG.

Louzao denuncia que "pretenderon xustificar o voto en contra comprometéndose a constituír  unha comisión do Parlamento para abordar o tema". Mais, subliña, xa van alá 15 meses daquel compromiso. A día de hoxe, aínda que a comisión se  constituíu formalmente hai uns seis meses, o PP tena totalmente paralizada, sen fixar, sequera, a orde de traballos, amosando, máis unha vez, un  obstrucionismo inxustificado e un absoluto  desleixo e desprezo  para co noso Himno, que representa a todas e todos os galegos".

Acollida positiva

En todo caso, a acollida que tiveron todos os actos no seu conxunto foi moi positiva, e converteron a celebración nun elemento máis para continuar na procura da restauración do definitiva Himno Galego.

Louzao afirma que segue sendo necesario "popularizar e divulgar ao máximo o Himno Galego e dar a coñecer a súa xénese, historia e significado".

O motivo central do texto é que a Galiza debe acordar da súa apatía política e emprender o camiño cara á liberación. Para iso deberá escoitar a voz dos rumorosos piñeiros, ou sexa, o pobo galego como entidade nacional histórica. A capacidade de Pondal para penetrar nos sentimentos do pobo e expresar as súas aspiracións fundamentais, posibilitou que fose sendo aceptado e recoñecido. 

A Coruña
A Coruña

"Cantado co entusiasmo que esperta no ánimo o sentimento da patria"

O da Galiza, igual que outros himnos nacionais, nace a partir dun certame convocado con este propósito polo propio Pascual Veiga para premiar a mellor marcha para orfeón. Veiga encárgalle a Pondal un texto que poida ser "cantado en toda a Galiza co entusiasmo que esperta no ánimo o sentimento de patria". Para este texto, composto polas catro primeiras estrofas do poema "Os Pinos", Pascual Veiga compuxo a música que tivo a súa primeira interpretación institucional e solemne como Himno galego o día 20 de decembro de 1907 na Habana.

O Himno galego foi difundido en diversos medios escritos cubanos, retornando á Galiza por volta de 1910 con diferentes erros textuais que  chegaron incluso ao texto do Himno galego da Lei de Símbolos da Galiza, de 1984.