Bruxelas admite a trámite a petición de Ulloa Viva sobre Altri: "Remata a demagoxia coa que a empresa fala da normativa europea"
A plataforma rexistrou en setembro na Comisión de Peticións da UE un informe dos incumprimentos do proxecto para A Ulloa.
“Finalizado o exame da petición”, segundo sinala o presidente desta Comisión, decidiron polo tanto dar trámite á mesma. A Plataforma Ulloa Viva presentou o pasado mes de setembro esta petición, adxuntando un completo informe sobre o proxecto da macrocelulosa de Altri-Greenalia “e os incumprimentos de varias directivas comunitarias”.
A Plataforma Ulloa Viva afirma que está “moi satisfeita e esperanzada” por esta nova, logo de “termos que ter escoitado reiteradamente por parte da empresa que Europa non ve incumprimentos no seu proxecto”, cando na realidade é que até agora na Comisión Europea non hai expediente algún sobre o proxecto da macrocelulosa de Altri en Palas de Rei (A ulloa).
Desde Ulloa Viva aseguran que coa aceptación da petición presentada pola plataforma “chegará o tema a Bruxelas e rematará a demagoxia intencionada coa que a empresa fala da normativa comunitaria”.
Logo da admisión a trámite, a Comisión de Peticións decidirá agora as vías para dar cauce á petición da Plataforma, do que irá informando puntualmente a Ulloa Viva.
A Comisión pode neste caso pedir a apertura dunha investigación, transmitir a petición da Plataforma a outras comisións do Parlamento Europeo e a autoridades nacionais e outros organismos, preparar un informe e facer unha visita á zona, propor á Plataforma unha vía de recurso ou ben someter a debate a petición da Plataforma no seo da Comisión de Peticións nunha sesión á que podería asistir unha representación de Ulloa Viva.
Ademais logo de ser admitida a trámite, a petición da Plataforma Ulloa Viva estará publicada no Portal de Peticións e poderá ter adhesións xa que se abre un proceso no que calquera organización pode adxuntar informes que aporten máis información a respecto deste tema para o seu posterior tratamento no seo das institucións comunitarias.
Informe técnico
O informe presentado pola Plataforma Ulloa Viva para sustentar a iniciativa presentada diante da Comisión de Peticións, elaborado en colaboración con expertos e técnicos en distintos eidos medioambientais e dereito comunitario, argumenta que o Proxecto Gama “incumpre” os principios do DNSH (Do No Significant Harm) unha condición definida pola Comisión Europea que obriga a realizar unha autoavaliación que asegure que o proxecto non afecta negativamente a un ou varios dos 6 obxectivos medioambientais definidos no Regulamento 852/2020 de Mitigación do Cambio Climático.
O informe presentado pola Plataforma Ulloa Viva diante da Comisión de Peticións argumenta, cos datos do proxecto da propia empresa, que o proxecto de Altri “non cumpre”, especificando todas as directivas europeas que cos datos do proxecto de a macrocelulosa incumpre, tanto no espazo previsto para a instalación da planta coma en todos os territorios afectados e tendo en conta os impactos socioeconómicos, territoriais, ambientais e produtivos.