Saltar ao contido principal

As 37 primeiras empresas eólicas galegas só empregan 19 persoas

 Ardán, o informe promovido polo Consorcio da Zona Franca de Vigo, vén de publicar as principias magnitudes das compañías de renovábeis galegas referidas ao exercicio 2023. As mesmas certifican o reducido número de empregados e empregadas das empresas enerxéticas galegas e a nova caída da ocupación do sector. 



As 37 primeiras empresas eólicas con sede social na Galiza ocupan 19 persoas no país. Así o recollen os datos do Ardán, informe de referencia sobre sistema empresarial galego elaborado polo Consorcio da Zona Franca de Vigo -que ofrece información de todas as compañías con enderezo no país cuxa facturación supera os 250.000 euros-, con cifras sobre 2023, último ano con datos.

O relatorio do Consorcio da Zona Franca de Vigo non incorpora información daquelas sociedades dedicadas á xeración eólica con actividade na Galiza pero con sede social en Madrid. Neste sentido, non achega cifras de emprego de moitas das sociedades dos principais operadores enerxéticos con presenza no país, como poden ser Iberdrola ou Acciona. Porén, nestes casos, os traballos de mantemento son realizados a maioría das veces por empresas subcontratadas asentadas no país.

As baixas cifras de ocupación do sector eólico contrastan cos elevados beneficios. A este respecto, o Informe Ardán, analizando as contas presentadas polas primeiras 37 empresas eólicas galegas no rexistro mercantil, sinala que os ingresos medios por traballador en 2023 destas empresas sitúanse en 1,2 millóns de euros ao ano e o custo medio por empregado en 40.040 euros.

O valor engadido bruto (VEB) é unha magnitude macroeconómica que determina os beneficios xerados nun sector da actividade económica. No caso da produción eólica, o Informe Ardán  sitúa o VEB en 204,5 millóns de euros, tras cifrar os ingresos das 37 compañías do sector con enderezo na Galiza en 273,5 millóns de euros. Ao tempo, indica que o VEB medio por empregado está en 782.277.

A ocupación do sector eólico rexistrou unha caída en 2023. En 2022, as 45 primeiras empresas eólicas con sede social na Galiza ocuparon 37 persoas no país, o que representa 0,8 empregados por sociedade, fronte a 0,5 ocupados por mercantil de 2023. Neste sentido, as persoas empregadas en labores de mantemento das instalacións eólicas marcan unha caída por segundo ano consecutivo.

O informe contradí as cifras dadas pola patronal

As cifras fornecidas polo relatorio do Consorcio da Zona Franca de Vigo contradín os datos de emprego achegados polo patronal eólica. Neste sentido, o Estudo Macroeconómico do Impacto do Sector Eólico en España en 2023, promovido pola Asociación Empresarial Eólica e elaborado pola consultora Deloitte, apunta que nesa anualidade as empresas do sector ocuparon na Galiza 3.764 persoas .

A doutora e profesora da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e autora da primeira tese de doutoramento sobre o sector eólico na Galiza, Rosa Regueiro, sinala a Nós Diario que “as actividades enerxéticas son intensivas en capital mais non en emprego. Nunca o foron”.Nesta dirección, afirma que “na fase de construción dos parques precisa máis man de obra, unha man de obra rotativa e inestábel, e nos traballos de mantemento, menos emprego que pola contra é máis estábel e sostido no tempo”.

Regueiro, autora da tese Xénese e desenvolvemento do sector eólico en Galicia (1995-2010) marco institucional, aspectos económicos e efectos ambientais, demanda máis rigor á hora de fixar as persoas ocupadas neste sector. Así, significa que “desde a patronal eólica achegan cifras de emprego indirecto no sector que non se manteñen só co obxectivo de engordar as cifras de ocupados para darlle máis relevancia á eólica en termos de emprego”.

O desenvolvemento dos proxectos de renovábeis na Galiza non posibilitou a consolidación dun sector de fabricación de equipos e compoñentes eólicos. Concretamente, estes traballos están concentrados na área asiática e, moi particularmente na China.

Traballo precario

Os resultados achegados para Galiza polo Ardán ou por Regueiro coinciden cos estudos doutros especialistas para outras partes  Estado. A este respecto, o profesor de Urbanismo e Ordenación de Territorio na Universidade de Granada e coordinador do volume Colonialismo enerxético, Alberto Matarán Ruiz escribe que “tanto o Banco de España como os informes das grandes corporacións certifican que o emprego xerado polos megaproxectos de enerxías renovábeis concéntrase no proceso de construción".

“É fundamentalmente emprego precario”, analiza Ruiz, “e ten moi pouca repercusión no territorio, como xa ocorreu con outras grandes obras públicas ligadas ao desenvolvemento dos encoros e á burbulla inmobiliaria”. Neste punto, destaca que “o despregamento de megaproxectos de enerxía renovábel está a producirse en territorios específicos das periferias onde os custos de instalación son menores e onde a poboación é máis fácil de desposuír e de expulsa”.

Os eólicos "non crean emprego onde se instalan"

Un estudo publicado en 2023 polo propio Banco de España apunta na mesma dirección. O informe, titulado Do renewables create local jobs? (Crean emprego local as renovábeis?), indica que os parques eólicos non crean emprego naqueles concellos onde se instalan. Nesta dirección, apunta que "non atopamos incrementos de emprego nos meses próximos á apertura de parques eólicos nos municipios onde se sitúan as instalacións".

O relatorio, obra da catedrática da Universidade Carlos III Natalia Fabra e dos investigadores do Banco de España Eduardo GutiérrezAitor Lacuesta e Roberto Ramos, estuda o impacto das instalacións renovábeis sobre o emprego en 3.200 concellos e conclúe que as plantas eólicas "non crean emprego nos municipios onde se instalan". Engade que as instalacións solares "aumentan o emprego pero non das persoas residentes nos concellos" onde se localizan.

As 24 primeiras empresas hidráulicas con sede no país ocupan 59 persoas

Os datos sobre ocupación fornecidos polo Ardán para o negocio eólico repítense para o hidráulico. Segundo as cifras achegadas polo relatorio do Consorcio da Zona Franca de Vigo para 2023, as últimas publicadas, nesa anualidade as 24 primeiras empresas hidráulicas con sede social na Galiza ocupaban 59 persoas no país, o que representa 2,4 empregados por cada unha destas sociedades. As empresas hidráulicas xeran moi pouco emprego. De feito 72,7% dos postos de traballo creados por sociedades con sede social na Galiza son xerados por tres compañías, carecendo a maioría deles de traballador algún. Así, 35,5% están ocupados en Hidroeléctrica de Laracha, unha mercantil de 21 persoas que fornece electricidade nos concellos de Arteixo, Carballo e Laracha. Na mesma dirección, 20,3% concéntranse en Cortizo Hidroeléctricas, ligado ao grupo alumineiro emprazado en Padrón. Por último, Energía de Galicia (Engasa), unha firma presente no negocio da comercialización en 17 municipios galegos, emprega 16,9%. As baixas cifras de ocupación do sector hidroeléctrico contrastancos elevados beneficios.