A asociación ecoloxista Adega presenta o libro Informe Altri: celulosa do século XX para o XXI, do doutor Ramón Varela, no que debulla o impacto do proxecto no medio ambiente, a saúde e o territorio.
Fins Eirexas, portavoz de Adega, manifestou que "ninguén acredita "xa no proxecto de Greenfiber -composto por Altri en 75% e Greenalia en 25%- para A Ulloa como "unha biofábrica punteira" senón como "unha celulosa, unha factoría contaminante". Eirexas asegurou que este informe "debería remexer conciencias, tamén na Administración" e apelou á conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, a que "tome nota deste estudo para saber que supón Altri para este país".
Ramón Varela explicou que o proxecto para A Ulloa non é unha simple celulosa máis. "Nos últimos anos as celulosas avanzaron moito en tecnoloxia e reduciron moito en emisións", mais, sinalou, este non é o caso do plan que impulsa Greenfiber. Segundo o informe presentado esta cuarta feira - un libro cuxos beneficios por vendas irán para a loita contra esta factoría- o proxecto de Altri "supera as emisións contaminantes de oito celulosas en funcionamento no Estado español": Ence en Pontevedra, Levante en Tarragona, Ence en Navia (Asturias), Cotton en Granada, Papelera Guipuzcoana en Euskal Herria, Torrespapel en Zaragoza, Zubialde en Euskal Herria e Smurfit, tamén en Euskal Herria.
"Ningunha das oito grandes celulosas do Estado emite á atmosfera os volumes que pretende emitir Altri", sostén Varela. Así, estes oito complexos no Estado emitiren en conxunto 2.531 toneladas anuais de óxidos de nitróxeno (Altri prevé 2.200), 123,6 toneladas /ano en óxido de xofre (Altri, 578) e 63 toneladas anuais de partículas PM10, das que Altri conta con emitir máis de 252 t/ano.
Impacto na saúde humana
O autor do libro incide en que Altri "oculta 15 emisións contaminantes" que procederían desta factoría. Neste sentido, o traballo tamén trata o impacto do proxecto sobre a saúde, pois as emisións que produciría suporían un "cóctel contaminante" que podería dar lugar a danos e impactos "a curto, medio e longo prazo na saúde humana". Así sinala que as partículas PM10, por exemplo, poden provocar problemas respiratorios; o dióxido de xofre, bronquite; e os óxidos de bitróxeno, danos no pulmón.
Varela non só se detén nas emisións. tamén analiza as verteduras que virían da man da implantación na Ulloa desta celulosa. Captaría máis de 16 millóns de metros cúbicos anuais, o equivalente ao que necesita unha poboación de 353.000 persoas (a suma das cidades de Vigo e Ferrol), e as verteduras que provocaría serían de 10,5 millóns de m3 ao ano. Así, por exemplo, deitaría no río Ulla 60.000 quilogramos de sulfato ao día, segundo Varela, 1.320 kg diarios de nitrato ou 56,4 de fósforo.
A xeración de residuos -e a súa queima- é outro factor de preocupación, sostén este doutor en Ciencias Biolóxicas. Vai producir moitos máis residuos que Ence en Pontevedra: 62.000 toneladas (157 de residuos periogosos) fronte a 25.000.
"Ter unha celulosa como esta sería unha grave irresponsabilidade", conclúe Ramón Varela. "Non é esta o tipo de industria que precisa a Galiza".