Saltar ao contido principal

Agresións e desatención: a Xunta muda a xestión do centro de discapacidade Souto de Leixa tras 15 anos de eivas

 


O Goberno galego porá unha entidade social á fronte do centro de Ferrol cuxa xestión viña prorrogando desde hai unha década ao grupo ACS, e faino asumindo agora que é necesario un 25% máis de cartos para unha "atención de calidade"

Tras anos de denuncias públicas por parte das familias e do persoal do centro, que este verán constituíronse en plataforma co apoio de partidos e entidades sociais de Ferrol, a Xunta vai mudar a xestión do centro de atención a persoas con discapacidade Souto de Leixa desa cidade. En mans desde comezos da pasada década da empresa Clece -do grupo ACS, que conta ademais cos servizos doutra filial, Samaín Servizos á Comunidade- o seu contrato ía durar 3 anos, pero a Consellería de Política Social veno prorrogando durante a última década. 

A Xunta aínda podería prorrogar o contrato con Clece outra década máis, pero agora opta por entregar a súa xestión a unha entidade social sen ánimo de lucro aínda por determinar, á que pagará un 25% máis de cartos que á empresa para "facilitar unha atención de calidade", admitindo así implicitamente que o centro non recibía os recursos públicos necesarios para esa atención. Unha atención cuxas eivas, máis alá das denuncias públicas de familiares e persoal, veñen quedando reflectidas en sucesivas sentenzas emitidas durante a última década.

O complexo do Souto de Leixa, a carón do Hospital Arquitecto Marcide, foi medrando arredor do Centro de Educación Especial Terra de Ferrol, inaugurado por Franco co nome daquela da súa muller, Carmen Polo. Se o centro educativo está orientado aos menores, o Souto de Leixa vai dirixido a adultos con discapacidade e conta cunha residencia para 95 persoas, 27 delas coa consideración de "gravemente afectadas". Ademais, dispón de centro de día e de centro ocupacional con outro medio cento de prazas. 

En 2010 a Xunta adxudicou a xestión do Souto de Leixa a Clece por uns 2 millóns de euros ao ano durante tres anos. E ao pouco tempo comezaron a chegar as queixas de familias e persoal, o que non impediu sucesivas prórrogas do contrato ata agora, decisións de Política Social tomou malia que a xustiza certificou incumprimentos contratuais. 

Publicidade