As manifestacións en varias cidades no Estado español (Sevilla, Barcelona...) a prol de que se facilite o aceso á vivenda, ven sexa por merca ou alugueiro, reflicte a gravidade dunha cuestión que é de primeira necesidade social, tamén hoxe na Galiza. Sen dúbida hai un problema de oferta, así como na demanda. No primeiro caso porque dáse unha menor construción da vivenda desde a burbulla inmobiliaria de 2008, ademais os pisos turísticos estendéronse tanto ao centro como aos barrios das cidades e vilas, mesmo nas que existía unha considerábel oferta hoteleira. Ao que hai que sumar o aumento do turismo, e o auxe da inmigración, que fai de contrapeso á caída da natalidade e da poboación autóctona, así como o efecto do centralismo (no caso de Madrid). Ademais temos a migración interna, na Galiza do rural ás cidades e vilas, e do interior á costa. Tamén falta unha planificación estratéxica (da vivenda, servizos públicos, comunicacións, e da economía en xeral...) deixándoo todo ao dominio do mercado, ou sexa dos intereses dos grandes grupos empresariais, que marcan desde Madrid e Bruxelas, por exemplo para Galiza, un papel periférico na cadea de valor.
Esta última foi e segue sendo unha cuestión de fondo, estratéxica: que país queremos? Cal é a correlación de forzas? Cales son os distintos escenarios posíbeis e como debemos axer en cada un deles para obter o maior rédito para exercer a soberanía, e avanzar en xustiza social, a igualdade, defensa do medio ambiente...? Polo tanto a construción de novas vivendas depende non só das que están desocupadas e fóra do mercado, senón tamén de onde están localizadas e do seu estado de habitabilidade. E sobre todo: cal coidamos que vai ser (e ademais queremos que sexa) o comportamento do turismo no futuro, da inmigración, da taxa de natalidade, e da calidade de vida da poboación do país.
Partindo da idea de que a construción de vivenda pública é fundamental para aumentar a oferta real e reducir os prezos, tamén da vivenda privada, tanto para vender como para o alugueiro. A construción de vivenda pública é unha necesidade que agora o mesmo Goberno Central do PSOE parece que recoñece como necesario despois de décadas apostando polo mercado (se cadra para recuperar base electoral na esquerda, fronte á caída nas enquisas, e a desfeita de Podemos+Sumar?). Sendo unha viraxe positiva a cuestión está e cal vai ser o orzamento adicado a tal fin (comparando, o gasto militar real foi de 27.600 millóns de euros no ano 2023); e cómpre que unha parte importante das vivendas sexa en réxime de alugueiro (para atender os casos das persoas que non podan decidir unha residencia definitiva).
Na campaña que está a realizar a este respecto o BNG da Coruña propón, entre outras medidas: “regular as vivendas de uso turístico, unha das causas que contribúen ao incremento dos prezos, e ampliar o parque municipal de vivendas para atender ás necesidades das maiorías sociais (...) Tamén solicitan a posta en marcha dun sistema de axudas ás persoas que están en risco de desafiuzamento, co obxectivo de que poidan manter as súas moradas. Outra prioridade sería a creación de novas residencias públicas para estudantes universitarios...”. Son propostas axeitadas.
Que unha parte considerábel da poboación galega teña problemas para acceder á vivenda, mesmo tendo ingresos como asalariado/a ou autónomo/a, está acreditado polo aumento das persoas en situación de pobreza e/ou exclusión social. Segundo Arope no ano 2023 esta atinxiu a un 25,5% dos habitantes na Galiza (contrato eventual, a tempo parcial, baixos salarios,... 9,2% da poboación activa no desemprego, traballo en negro). A pobreza supera o 50% nas familias monoparentais, así como entre os inmigrantes que proceden de fóra de Europa. Por outra banda, e como unha cuestión central e previa: como pensa desenvolver este proxecto o Goberno central? Xa que, como afirma e pregunta a senadora do BNG, Carme da Silva: “o Goberno non ten competencias en materia de vivenda... Vai facer en coordinación e colaboración coas autonomías? (...) lamenta que, a día de hoxe, non existe concreción nin información sobre as súas características, financiamento ou materialización desta proposta".