Saltar ao contido principal

A Xunta aproba cambiar a Lei de medios para reforzar o control político da CRTVG

 O día en que o persoal da CRTVG facía 27 xornadas de folga, o Consello da Xunta da Galiza aprobou o proxecto de Lei de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual da Galiza para a sociedade dixital, co obxectivo de comezar a súa tramitación parlamentaria durante o período de Nadal


O Partido Popular non terá que negociar coa oposición a elección do máximo responsábel dos medios públicos galegos. O proxecto de lei de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual da Galiza para a sociedade dixital, aprobado esta sgeunda feira no Consello da Xunta –en liña coa proposta formulada o pasado 30 de xullo–, modifica a Lei 9/2011, do 9 de novembro, dos medios públicos de comunicación audiovisual da Galiza, que estabelecía unha maioría cualificada no Parlamento –de dous terzos en primeira votación e de tres quintos en segunda– para escoller a Dirección Xeral da Corporación da Radio e Televisión da Galiza (CRTVG).

A proposta do Consello da Xunta para comezar a tramitación parlamentaria da norma estabelece que a Dirección Xeral dos medios públicos deberá ser elixida en primeira votación por dous terzos e en segunda por tres quintos do Parlamento da Galiza, isto é, por 45 dos 75 representantes da Cámara. Porén, nunha das súas disposicións transitorias fíxase que no caso de non alcanzar a proposta esa maioría reforzada abondará, pasados tres meses, coa maioría absoluta dos membros do Parlamento, fixada en 38 escanos, para designar a persoa responsábel da Corporación da Radio e Televisión da Galiza. Concretamente, o Partido Popular posúe 40 escanos na Cámara galega.

A posibilidade de que o PP optase por unha reforma legal para escoller o sucesor do actual director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, dábase por feito desde despois dos últimos comicios galegos, do 18 de febreiro de 2024. O propio Sánchez Izquierdo abriu esa opción en novembro de 2022 durante unha reunión da Comisión permanente non lexislativa de control da Corporación da Radio e Televisión da Galiza, no Parlamento, ao cualificar a Lei de medios da Galiza de 2011 como “obsoleta e superada”. O Goberno galego aprobou en xullo una proposta de nova Lei de comunicación audiovisual, co argumento formal de axeitar a lexislación galega á nova realidade comunicativa e á normativa comunitaria e estatal.

O proxecto de lei presentado esta segunda por Alfonso Rueda introduce tamén outras mudanzas dirixidas a reducir os mecanismos de control da pluralidade na CRTVG. Nesta dirección, suprime o Consello de Informativos e o Estatuto Profesional, dous órganos creados na lei de 2013 co obxectivo de garantir a neutralidade e a imparcialidade informativa, que o Goberno galego nunca chegou a pór en marcha nestes últimos 11 anos, malia as continúas reclamacións para a súa posta en funcionamento por parte de profesionais do ente. Ao tempo, recolle unha nova configuración normativa do persoal directivo, non asociado ao vínculo laboral coa compañía.

O mandatario galego explicou na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta que “o proxecto de lei busca axustar a normativa dos medios públicos aos moitos cambios que se teñen producidos nestes anos”. Na mesma dirección, indicou que o Goberno galego recolleu algunhas suxestións achegadas durante a frase de anteproxecto, pero confirmou que aqueles aspectos máis controvertidos da proposta, como o sistema de elección do director xeral da CRTVG ou a posibilidade do emprego de español mantéñense.

Críticas á mudanza da lei 

O comité intercentros da CRTVG rexeitou a proposta do Executivo galego. Nun comunicado emitido só unhas horas despois do anuncio de Rueda cualificou o proxecto como “unha gravísima involución democrática” e denunciou “que o proxecto de lei apenas modifica o anteproxecto anterior”. A este respecto, avanzou “que enfrontará esta lei con todas as armas que considere, recorrendo novamente a Europa para esixir o cumprimento dos compromisos redactados na EMFA, a directiva comunitaria que vela pola liberdade e a independencia dos medios públicos”.


Persoal da CRTVG chega aos seus 27 días de folga denunciando a nova lei

A folga do persoal da Corporación da Radio e Televisión da Galiza (CRTVG) continuou na xornada desta segunda feira, paralizando un día máis a emisión do programa matinal O Termómetro, que os traballadores e as traballadoras dos medios públicos sitúan como exemplo da externalización da programación. O paro, que alcanzou onte 27 xornadas, desenvolveuse após unha fin de semana de mobilizacións, onde o persoal da CRTVG marchou polas rúas de Compostela e impediu o domingo a emisión do programa deportivo En Xogo, por primeira vez nos 40 anos de vida dos medios públicos.

A protesta estivo marcada pola decisión do Consello da Xunta de aprobar o proxecto de lei de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual da Galiza para comezar a súa tramitación parlamentaria. Neste sentido, a  presidenta do comité intercentros da CRTVG, Raquel Lema, afirmou que “se esa lei reguladora da CRTVG avanza e semella que avanzará, o retroceso democrático será tan grande que pagaremos as consecuencias todas as galegas durante anos, tal vez de forma irreversíbel. Resumindo, esa lei transformará a CRTVG co aval da maioría absolutista parlamentaria”.

A folga dos traballadores e das traballadoras da CRTVG terá continuidade no mesmo formato e horarios das últimas semanas até o próximo 13 de decembro, data na que se suspende temporalmente a emisión do programa O Termómetro como consecuencia do comezo da programación de Nadal nos medios públicos galegos.