Saltar ao contido principal

4.479 empresas con actividade na Galiza pagan os seus impostos fóra do país

 O IGE publicou onte a última actualización do seu ‘Directorio de empresas e unidades locais’, con datos referidos á anualidade de 2023. A estatística rexistra a fuga de 38 compañías durante o pasado ano e cifra en 4.479 as persoas físicas e xurídicas galegas que tributan fóra do país.





O número de empresas galegas con sede fiscal fóra do país non deixa de incrementarse. Segundo os datos achegados na xornada de onte polo Instituto Galego de Estatística (IGE), en 2023, último ano con cifras, 4.479 persoas físicas e xurídicas con actividade económica na Galiza non tributaron no país, facéndoo perto de 80% das mesmas na capital do Estado, Madrid.

Os datos fornecidos polo IGE indican que 3.753 destas 4.479 empresas desenvolven a súa actividade no sector servizos. A este respecto, 256 están presentes no ámbito da loxística, 206 na hostalaría, 239 na información e a comunicación, 172 no eido das finanzas e os seguros e até 1.286 no comercio retallista.

As cifras achegadas polo instituto público apuntan, tamén, que 363 compañías das 4.479 con sede fiscal fóra da Galiza operan no sector da industria e da enerxía, dedicándose 265 á industria manufactureira, 51 á xeración eléctrica e 10 á minaría. Nestes dous últimos ámbitos atópanse as principais sociedades do sector con actividade na Galiza.

Os números referidos ao sector primario e á construción teñen grandes semellanzas cos do exercicio de 2022. Neste caso, 39 compañías presentes na agricultura e na pesca galega manteñen o seu enderezo fóra do país e 324, no sector da construción, cunha destacada representación nas actividades da construción especializada, con 163 mercantís, e no ámbito da enxeñaría civil, con 68.

Galiza nunca declarou un número tan elevado de empresas con actividade no país e enderezo a efectos tributarios fóra del. Entre 2019 e 2023, abandonaron Galiza 496 empresas, a gran maioría delas con destino Madrid, que se beneficia da súa condición do capital do Estado para atraer compañías doutros territorios, conforme á dinámica xerada polo denominado 'efecto sede', que explica o impacto derivado da concentración de sedes en grandes áreas.

As compañías galegas con enderezo fiscal fóra do país son, agás contadas excepcións, aquelas cunha maior facturación e número de traballadoras e traballadores. Así, 4.285 delas (95,6% do total) son persoas xurídicas, adoptando a forma de sociedade de responsabilidade limitada 2.665 e de sociedade anónima, 1.206. Asemade, 194 destas unidades produtivas (4,4%) actúan como persoas físicas.

O perfil das empresas con actividade na Galiza que non tributan aquí contrasta co das compañías con enderezo fiscal no país. Mentres 95,6% das primeiras son persoas xurídicas, esta cifra só alcanza 35,9% no caso das segundas. E só 0,26% destas últimas superan os 100 empregados e empregadas, representando esta porcentaxe nas empresas con sede fóra da Galiza o 5,8% do total.

Alcoa e Ence, dous casos paradigmáticos

O complexo industrial galego é un exemplo paradigmático desta situación. Así, a factoría de aluminio e alumina do grupo Alcoa en San Cibrao (Cervo, A Mariña), único centro de traballo desta multinacional no Estado, con máis de 1.500 empregados de forma directa e indirecta e un consumo eléctrico que representa perto de 23% do total da Galiza, paga os seus impostos en Madrid, onde a compañía ten a súa sede fiscal.

A pasteira Ence, co seu principal centro de traballo instalado nas proximidades da ría de Pontevedra e con arredor de 400 empregados e empregadas, fai efectiva a totalidade dos seus impostos en Madrid. Tamén se atopan outros importantes centros industriais como o de Celsa na Laracha (Bergantiños), Navantia en Ferrol ou as principais compañías enerxéticas do Estado, todas elas con grandes centros de xeración de electricidade na Galiza.

De feito, as tres primeiras compañías en produción de electricidade na Galiza son Iberdrola, cunha capacidade de xeración de 1.558 megawatts (MW) de orixe hidráulica e de 626 MW eólica; Naturgy, cunha potencia instalada de 1.120 MW hidráulicos e 393,2 MW eólicos, e Endesa, con 375 MW hidráulicos e 508 eólicos. A primeira delas tributa en Euskadi, e as dúas últimas, en Madrid.

A recadación de Madrid

O denominado 'efecto sede', que prima e favorece as compañías con enderezo na capital do Estado, explica esta dinámica, que xera graves prexuízos á economía galega e á súa capacidade fiscal. Segundo recolle o Informe anual de Recadación da Administración Estatal da Axencia Tributaria (AEAT) de 2022, o último publicado, nese ano Madrid recadou case a metade (49,2%) de todos os impostos do Estado malia representar unicamente a quinta parte do produto interior bruto (PIB) estatal.

O Imposto sobre Sociedades exemplifica de maneira precisa a dinámica do 'efecto sede'. Mentres Madrid, cuxo PIB para 2022 cifrou o Instituto Nacional de Estatística (INE) en 19,4% do total do Estado, recadou nesa anualidade a raíz deste gravame até 12.087 millóns de euros, o que representou 37,5% do conxunto estatal. Galiza ingresou por ese tributo 1.742 millóns de euros, 5,2% do total para un PIB de 5,2% dentro do Estado español

496 empresas abandonaron Galiza desde o ano 2019

Galiza perdeu 38 compañías en 2023. Se a 31 de decembro 2022 non tributaban no país 4.441 unidades produtivas, das cales 39 se dedicaban á agricultura e a pesca, 359 á industria, 308 á construción e 3.735 aos servizos, un ano despois esta cifra alcanzaba xa as 4.479, segundo os últimos datos do Instituto Galego de Estatística (IGE).

Así, até 496 empresas abandonaron Galiza entre 2019 e 2023. O país contaba no exercicio de 2019 cun total de 3.983 compañías con actividade aquí pero cuxa sede social se situaba noutro territorio do Estado español. A este respecto, foi 2022 o ano de toda a serie histórica achegada pola Administración galega, cuxa orixe se remonta a 2014, no que máis unidades de produción 'fuxiron' da Galiza.

As empresas con actividade na Galiza e sede fiscal fóra do país non deixaron de incrementarse desde 2019, cando alcanzaron o mínimo da serie histórica. Nesta dirección, alcanza especial relevancia nos últimos anos a presenza de grupos madrileños nos contratos públicos da Administración galega, destacando entre eles as mercantís ligadas ao Grupo ACS, presidido por Florentino Pérez, no sector dos servizos e da construción. Esta corporación foi a principal adxudicataria da Xunta da Galiza no ano 2023.