Saltar ao contido principal

1,1 millóns de galegos e galegas chegan con dificultades a fin de mes

 As cifras fornecidas polos organismos públicos non deixan lugar a dúbidas. 41,7% da poboación galega chegou con dificultade ou moita dificultade a finais de mes.


O Instituto Galego de Estatística (IGE), institución dependente do Goberno galego, sinala que en decembro de 2023, último mes con datos, 1,1 millóns de persoas, que representan 41,7% da poboación galega chegan con dificultade ou moita dificultade a finais de mes.

As cifras fornecidas polo instituto publico desvelan que 950.134 persoas, que significan 35,4% dos residentes da Galiza rematan o mes con dificultades, deixando facturas sen abonar ao final do exercicio ou requirindo axuda externa.

A situación é, aínda, máis complicada para 169.024 persoas, que supoñen 6,3% dos habitantes da Galiza. Neste caso, o IGE confirma que este colectivo rexistra moitas dificultades para chegar a fin de mes, atopándose parte deles estruturalmente nesta situación.

As persoas con dificultades para chegar a fin de mes son na súa maioría asalariadas, traballadoras por conta propia ou perceptoras de pensións públicas cuxas contías non cobren as necesidades básicas. A isto, ten contribuído de xeito decidido a caída sostida e constante do poder adquisitivo desde 2009.

Os salarios na Galiza sitúanse moi por baixo da media do Estado. Segundo os datos ofrecidos pola da Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT) para 2023, último ano con cifras, as retribución salariais de 368.557 traballadores e traballadoras galegas estiveron por baixo do salario mínimo interprofesional (SMI), situado en 2023 en 15.120 euros anuais, divididos en 14 pagas mensuais de 1.080 euros.

As cifras fornecidas pola AEAT desvelan  que “34% dos traballadores e das traballadoras galegas cos salarios máis baixos perciben 11% da masa salarial total” e 76,2% dos asalariados con menos ingresos reciben 49,9% dos salarios. Pola súa parte, “8,9% das persoas asalariadas” coas retribucións máis elevadas “reciben  26,5% da masa salarial”.

Pensionistas

A contía da pensión media na Galiza sitúanse en 1.080 euros ao mes, sendo inferior en 180 euros ao mes á do conxunto Estado. A este respecto, o Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS) indica que as pensións das persoas residentes nas provincias de Lugo e Ourense son as máis baixas de todo Estado.

Os datos achegados pola Rede Europea de Loita contra a Pobreza e a Exclusión Social na Galiza (EAPN-Galiza) indican que 375.658 persoas residentes na Galiza perciben unha pensión cun importe inferior ao mínimo considerado para non estar en situación de pobreza (785 euros ao mes), o que significa que 48,4% do total  do colectivo de pensionistas fican baixo o limiar da pobreza.