Saltar ao contido principal

O Tribunal da Haia ordena deter Netanyahu por crimes contra a humanidade

 Máis de 44.000 persoas foron asasinadas na Faixa de Gaza desde outubro do pasado ano, 40% delas eran nenas e nenos.


Hai “motivos razoábeis” que apuntan ao primeiro ministro do Goberno de extrema dereita israelí, Benjamin Netanyahu, e o até comezos deste mes ministro de Defensa, Yoav Gallant, como responsábeis do “crime de guerra de [uso da] fame como método de guerra e os crimes contra a humanidade de asasinato, persecución e outros actos inhumanos”, detallou a quinta feira o Tribunal Penal Internacional (TPI), ao anunciar a emisión de ordes de arresto contra ambos os dous no marco do xenocidio que os sionistas están a perpetrar no territorio palestino de Gaza.

Isto apenas estudando o acontecido entre o 8 de outubro de 2023 e o 20 de maio de 2024, cando a Fiscalía pediu as ordes de detención, que finalmente avalou de forma unánime a Sala de Cuestións Preliminares I do organismo internacional, nunha resolución que se produciu cando o número de persoas asasinadas en Gaza por Israel desde o inicio do masacre superou as 44.000, arredor de 40% crianzas, e ás que hai que engadir milleiros de persoas que ficaron baixo os cascallos dos edificios destruídos por Israel.

De forma paradoxal, o TPI rexeitou incluír na orde de arresto o crime de exterminio, aducindo que “non puido determinar que se cumpriran todos os elementos” que abrangue este delito. Con todo, e en paralelo á primeira decisión contra un aliado dos países occidentais -con cuxo apoio está a efectuar o xenocidio-, si que percibiu eses elementos á hora de emitir unha orde de detención contra Mohammed Deif, líder das Brigadas de Ezzeldin Al-Qassam, a póla militar da organización palestina Hamás, ao que tamén atribuíu presuntos crimes de guerra e lesa humanidade como asasinato, tratos crueis, tortura, tomar reféns, atentados á dignidade persoal, violación e outras formas de violencia sexual.

O certo é que persoas expertas da Organización das Nacións Unidas (ONU) constataron torturas reiteradas, violacións e outras formas de violencia sexual por parte de Israel, con énfase nas persoas retidas nas súas prisións. Esta mesma semana transcenderon reportes de que o doutor palestino Adnan al Bursh foi violado até a morte no campo de concentración de Sde Teiman.

Ataque sistemático a civís

O réxime israelí sostén que matou Deif nun bombardeo contra poboación civil en Gaza en xullo, mais aínda non foi confirmado, a diferenza do líder de Hamás Ismail Haniyeh e o seu sucesor Yahya Sinwar, asasinados por Israel, o primeiro en Irán e o segundo loitando na Faixa, logo de que a Fiscalía do TPI pedira ordes na súa contra.

Todo isto sen poderse “identificar unha necesidade militar clara ou outra xustificación” e provocando “morte de civís, incluídas crianzas, debido á desnutrición e á deshidratación”, un crime contra a humanidade, da mesma maneira que “infrinxir un gran sufrimento mediante actos inhumanos a persoas que precisan tratamento”, como o freo a medicamentos como anestésicos.

A orde de arresto implica que os 124 Estados asinantes do Estatuto de Roma que creou o TPI (incluída a Unión Europea, outro aliado israelí) teñen a obriga de deter Netanyahu se pisa o seu territorio, e produciuse seis meses despois da solicitude da Fiscalía, tres veces máis do tempo usual e oito veces máis que o que levou avalar a orde de detención contra o presidente rusoVladimir Putin, por presunta deportación de menores na guerra de Ucraína, o que espertou dúbidas sobre se finalmente a maxistratura cedería á presión de países occidentais.

Estes países permitiron a Israel durante anos premer e tratar de difamar persoal do TPI, chegando a ameazar a fiscal xeral Fatou Bensouda e á súa familia para que frease unha investigación sobre os crimes israelís na Palestina ocupada. Bensouda, que chegou a ser sancionada en 2020 polos EUA por esta cuestión e as pescudas sobre os seus delitos na invasión de Afganistán, negouse, o que permitiu que a investigación fora completada polo seu sucesor, Karim Khan, quen pediu as ordes de arresto.

Os aliados dos sionistas tamén protagonizaron varios intentos de obstaculizar a resolución, e o novo líder da maioría no Senado estadounidense, John Thune, ameazou con sancións contra o TPI. O certo é que desde 2002 a coñecida como 'lei de invasión da Haia' avala que Washington use “todos os medios necesarios e apropiados para lograr a liberación de calquera estadounidense ou persoal aliado que estea detido ou encarcerado por, en nome de ou a solicitude do TPI”, algo aplicábel a unha posíbel detención de Netanyahu ou Gallant.

Malia que como a China, Rusia ou Israel -a diferenza de Palestina-, os EUA non asinaron o Estatuto de Roma, colaboraron co TPI en casos do seu interese, como a tentativa de xulgar Putin.

Os países occidentais, baixo presión pola complicidade co xenocidio

Como é habitual ante as denuncias contra os crimes israelís, a oficina do primeiro ministro sionista sostivo que as ordes de arresto son “antisemitas”. Porén, organizacións xudías lideran as protestas contra o xenocidio en varios lugares e critican un Estado de apartheid e supremacista que está a cometer a terceira limpeza étnica da súa historia contra o pobo palestino.

Sexa como for, as ordes de arresto implican, en base ao Estatuto de Roma, que o sistema xudicial sionista non pode ou non quere investigar o acontecido, acabando co seu intento de compararse con países democráticos e Estados de dereito.

Tamén Mike Waltz, elixido polo presidente electo dos EUA Donald Trump como asesor de seguridade, alegou “antisemitismo” e advertiu dunha “forte resposta” ao TPI e á ONU, e a Casa Branca rexeitou a decisión.

Ademais, Christophe Lemoine, voceiro de Exteriores francés, rexeitou asumir as implicacións do ditame e non ratificou que arrestarían Netanyahu, insistindo en que “é un punto legalmente complexo”. Quen si confirmou que o detería son os Países Baixos, apuntou Caspar Veldkamp, titular de Exteriores, remarcando que evitarán contactos “non esenciais” con Netanyahu e Gallant.

O auto tamén eleva a presión contra os países occidentais pola complicidade co xenocidio. Esta semana, o Goberno británico admitiu ante a Xustiza que sabe que Israel non ten intención de cumprir co dereito internacional, mais rexeitou limitar de forma relevante as entregas de armas ao dar prioridade ao “risco para a relación entre o Reino Unido e os Estados Unidos” que suporía a medida.