A imaxe, elaborada por Álvaro de la Vega, está colocada na zona antiga do cemiterio, ocupando un dos lugares máis destacados e visíbeis do Cemiterio Municipal de San Froilán.
Redacción
O acto público celebrado nas instalacións do Cemiterio realizouse no día seguinte do 49º aniversario da morte do ditador Francisco Franco, abrindo así un novo ciclo de lembranza e reflexión sobre as vítimas da represión franquista e a importancia da recuperación da memoria histórica.
Cristina López, concelleira responsábel do Cemiterio, afirmou que esta imaxe "non lembra só ás vítimas da represión, é un convite a toda a veciñanza a reflexionar sobre a importancia da memoria histórica, un piar básico para construír unha sociedade máis xusta e máis democrática."
A imaxe, elaborada por Álvaro de la Vega, está colocada na zona antiga do cemiterio, na parte central, ocupando un dos lugares máis destacados e visibles do Cemiterio Municipal de San Froilán.
O acto contou coa participación de figuras destacadas da cultura galega, como o músico Xosé Luis Rivas "Mini", encargado de abrir o evento cunha intervención musical, e con Claudio Rodríguez Fer e Carme Blanco, que realizaron lecturas poéticas de textos relacionados coa recuperación da memoria histórica. Ademais, o autor da escultura, Álvaro de la Vega, explicou o significado e a intención da súa obra.
O Goberno de Lugo convidou ao acto a todas as asociacións, colectivos e persoas individuais vencellados coa recuperación da memoria histórica, e contouse coa presencia de representantes de diversas asociacións e de numerosas persoas a título individual.
O acto rematou cun xesto simbólico onde as persoas asistentes recibiron cravos brancos, que foron depositados ao pé da escultura como mostra de respecto e recordo.