• Un incremento do 40% dos fondos que reciben do Estado, co argumento de evitar a súa quebra, a pesar de aumentaron as súas ganancias en máis de 10.000 millóns anuais (só o 17% proveñen de MUFACE), grazas ao incremento dos seguros complementarios que a poboación contrata como consecuencia dos recortes introducidos na sanidade pública nos últimos anos.
• Manter o modelo de Mutualidades centralista e obsoleto, herdeiro do franquismo, que a Lei Xeral de Sanidade declarou “a extinguir” hai 40 anos. A xestión dos recursos sanitarios, foi transferida ás Comunidades Autónomas nos anos 90 para mellorar a súa racionalidade, polo que manter MUFACE incumpre a Constitución ao non respectar o modelo de Estado Descentralizado.
Resulta inaceptable, que quen traballa para o Sistema Sanitario Público, sexa atendido en centros privados e manteña privilexios respecto do resto da poboación (prótese, lentes, atención dental etc.) e poida cambiar ao Sistema Sanitario Público cando teña un problema importante de saúde (é dabondo coñecido que os Hospitais Públicos contan con mais recursos e prestan mellor asistencia que os privados).
Na realidade pechar MUFACE só incrementaría un 2% a presión asistencial. Os fondos que agora reciben as empresas aseguradoras deberían ser transferidos ao Servizo Galego de Saúde, que dispoñería así de máis recursos para atender á súa poboación.
A dereita centralista que denuncia o colapso do sistema, está a recortar recursos (orzamentos, persoal, pechando centros. etc.) alí onde goberna como en Galicia (o mesmo que en Andalucía, Madrid, Valencia, Canarias…).
Aínda que algúns sindicatos corporativos apoian ás aseguradoras e pretenden convocar manifestacións de protesta para manter MUFACE, a realidade é que o 68% do novo persoal funcionario elixe o Sistema Sanitario Público, para recibir asistencia.
Pola súa banda, as aseguradoras privadas en mans de fondos de investimento e bancos (firmes defensoras da libre competencia empresarial), pretenden manter as subvencións públicas e unha clientela garantida.
Desde a Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública facemos un chamamento ás organizacións sociais, sindicais, profesionais e partidos políticos progresistas a apoiar o fin de MUFACE e que os fondos que reciben as aseguradoras pasen ao Servizo Galego de Saúde.