LINGUA Miles de persoas acoden ao plenario de Queremos Galego, que convoca unha manifestación pola lingua no Día de Rosalía
No acto, no que interviron o músico e escritor Xurxo Souto, a xornalista Tareixa Navaza, e o voceiro de Queremos Galego, Marcos Maceira, e que rematou cunha actuación de Tanxugueiras, leuse unha declaración unitaria que recollía os puntos mínimos e as medidas urxentes para “mudar o rumbo do galego” asinada por máis de 170 entidades do país.
Entre cánticos como 'En galego na Galiza', 'Queremos galego', ou 'Medre o galego', miles de persoas encheron a praza compostelá nunha "multitudinosa asemblea aberta" que culminou coa convocatoria dunha outra mobilización social para o próximo 23 de febreiro na Praza do Obradoiro.
En declaracións aos medios antes de iniciar a protesta, o portavoz da plataforma organizadora, Marcos Maceira, asegurou que "é posible reverter a situación coa implicación de toda a sociedade galega". Ademais, lamentou que “os datos que se fixeron públicos dende o Instituto Galego de Estatística volven a mostrar o estado de extrema emerxencia lingüística no que se atopa a lingua”.
A mobilización reivindicaba a vixencia do Plan Xeral de Normalización Lingüística como ferramenta de consenso para reverter o descenso de falantes e reclamou a creación dun calendario de acción ata 2027 para a aplicación e actualización das medidas recollidas no mesmo. Do mesmo xeito, exixiu a dotación dos recursos necesarios para as desenvolver e unha avaliación dos resultados das mesmas.
Ademais, a plataforma reivindica a derrogación do decreto 79/2010 do bilingüismo no ensino e a súa substitución por un novo texto que "asegure os máximos niveis de docencia en galego en todas as etapas educativas". Tamén reclama medidas que aseguren "o pleno dereito de uso do galego, coa atención e a oferta correspondente, en todo tipo de servizos", "recuperar o papel normalizador da TVG" con especial atención ao público infantil e xuvenil, e a garantía da atención en galego en todos os servizos da administración pública.
No acto, que rematou cunha actuación de Tanxugueiras, proxectouse tamén un vídeo que recollía as medidas urxentes para o galego estabelecidas por esa declaración unitaria e convocouse unha manifestación a prol da lingua para o Día de Rosalía (23 de febreiro).
Maceira asegurou que "non se pode ter ningunha confianza" nun Goberno da Xunta que "leva 15 anos actuando contra acordos acadados por unanimidade e que contou cunha gran participación social". Neste sentido, denunciou que a Xunta "non vexa como un problema" que a oferta en galego sexa do 1% nas plataformas de televisión ou na xustiza, senón que ve o problema "as familias, os inmigrantes ou os colectivos que defenden a lingua".
"Falan dun novo acordo ao que pretenden chegar negándose a recibir a Mesa Pola Normalización Lingüística, que en abril e setembro solicitou reunión e non recibiu nin acuse de recibo", lamentou o portavoz, Marcos Maceira. Ademais, subliñou que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, "ten na súa man" a "mellor ferramenta posible, a política", onde ten que estar o galego para "asegurala e impulsala".
“Precisamos vontade política para reverter a emerxencia lingüística, a vontade que hoxe demostramos nesta praza, unha ampla representación da sociedade galega, diversa e plural, unida baixo un obxectivo común, para cambiar o rumbo da lingua e garantir o seu futuro", afirmou.
Declaración unitaria
Máis de 170 entidades do país asinaron unha declaración unitaria que recollía os puntos mínimos e as medidas urxentes para “mudar o rumbo do galego”. A xornalista Tareixa Navaza leu este gran acordo compartido por asociacións pola lingua, partidos políticos, sindicatos, colexios profesionais, institucións empresariais, educativas, deportivas e culturais.
A declaración unitaria recolle o seguinte: "A lingua galega, a nosa principal obra colectiva, é garantía de dignidade, prosperidade e a mellor ferramenta para avanzarmos conxuntamente como pobo en todos os ámbitos: na cultura, na educación ou no progreso social e económico. Para garantir o seu futuro, precisamos comezar unha nova etapa de normalidade que, co compromiso e implicación dos poderes públicos e todos os sectores da sociedade, mude o rumbo do idioma, e asegure o seu futuro coa presenza en todos os espazos e para todos os usos. As entidades asinantes instamos a Xunta a iniciar un proceso transparente, amplo e coa participación das entidades sociais galegas, dotado cun calendario de aplicación inmediata, mecanismos de avaliación e recursos para o facer. Este proceso debe partir dos obxectivos contemplados nos acordos comúns, amplos e unánimes xa tomados como a Lei de Normalización Lingüística, a Lei de uso do galego como lingua oficial de Galiza polas entidades locais, a Lei Paz Andrade, a Declaración Universal dos Dereitos Lingüísticos, a Carta Europea de Linguas Rexionais e Minorizadas e o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega de 2004".
Voces políticas
En declaracións previas ao inicio do acto, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, afirmou que "ve posíbel" cambiar o rumbo do galego cun "cambio de política", comezando por suprimir "ese decreto da vergoña que converteu o galego nunha lingua de segunda e que está a provocar que os nenos que entran pola porta do colexio falando galego saian falando castelán.
Nesta liña, reivindicou que “o señor Rueda debe escoitar a preocupación que existe na sociedade galega ante esta situación extrema, rectificar as súas políticas e ser quen de cambiar o rumbo da lingua”. Pontón tamén advertiu da "necesidade" de aplicar o "gran acordo" en materia de lingua, que é "o Plan Xeral de Normalización Lingüística".
Pola súa banda, o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, chamou á sociedade a reverter a "crítica situación do galego despois de 15 anos de gobernos do PP". Deste xeito, asegurou que "é urxente impulsar un novo Rexurdimento para reverter as políticas galeguicidas do Partido Popular".
"Feijóo e Rueda lograron o que non aconteceu nin nos Séculos Escuros nin na Longa Noite de Pedra: que o galego xa non sexa a primeira lingua do país", lamentou. Ademais, asegurou que o Partido Socialista será "xeneroso e colaborativo" para chegar a calquera tipo de acordo que sirva "de verdade" para promover o uso do galego.