Máis de 44.000 persoas foron asasinadas polas Forzas Armadas de Israel na Faixa de Gaza desde outubro do ano pasado. Benjamin Netanyahu intentou vender esta agresión sen precedentes como unha "guerra contra os terroristas de Hamás" con ataques 'cirúrxicos' contra "infraestruturas" da organización palestina. Ora ben, ou están avariados os sistemas de ataque israelís, pois moi precisos non son os seus ataques se teñen como albo hospitais, edificios residencias, escolas ou dependencias de ONGs, ou todo aquilo non eran máis que embustes para perpetrar un masacre que a propia ONU asegura que "é consistente coas características dun xenocidio". Desde logo, se non é, paréceselle moito. Desa elevada –e insoportábel– cifra de mortes, que se contan por decenas de miles, catro de cada dez eran nenos e nenas; quen sabe se "terroristas" a ollos dun Netanyahu cegado polo seu afán de arrasar Gaza –e quizais logo Cisxordania–. Onte o Tribunal Penal Internacional emitiu unha orde de arresto contra o primeiro ministro israelí e mais o seu anterior ministro de Defensa, Yoav Gallant, como máximos responsábeis da comisión de "crimes de guerra e de lesa humanidade" na Faixa. Din que o tempo pon a cadaquén no seu lugar; de ser así, Benjamin Netanyahu será lembrado como un dos maiores criminais de guerra da historia