Saltar ao contido principal

'A Xunta non pode calar todo un país': unha manifestación nacional converterá o Obradoiro nun "clamor" contra Altri o 15-D

 Ulloa Viva e a PDRA anuncian unha resposta contundente contra o Goberno galego para parar "este atentado contra o corazón da Galiza".



As plataformas Ulloa Viva e En Defensa da Ría de Arousa (PDRA) presentaron esta terza feira en Santiago de Compostela a manifestación nacional que o vindeiro 15 de decembro percorrerá as rúas da cidade até culminar no Obradoiro baixo o lema 'A Xunta non pode calar todo un país'. Marta Gontá, presidenta de Ulloa Viva, e Xaquín Rubido, presidente da PDRA, acompañados por representantes de colectivos sociais que apoian a manifestación aseguraron que esta mobilización será "un clamor" contra a macrocelulosa que a empresa Altri quere construír en Palas de Rei (A Ulloa) e que está a tramitar a Xunta da Galiza "cunha alfombra vermella".

O 15 de decembro "estaremos toda a masa social que por sentido común e por xustiza imos parar este atentado ao corazón de Galicia", asegurou Marta Gontá. Avanzou que os milleiros de persoas que acudirán ao Obradoiro van reprocharlle á Xunta que "están cegados polos cartos que saen da privatización dos recursos e os bens máis importantes que temos: terra, auga e aire". Será, segundo dixo, "o derradeiro golpe na mesa, sairemos en masa a defender o noso futuro".

Neste sentido, a portavoz de Ulloa Viva denunciou que "a Xunta non quere escoitar as persoas, négase a escoitar as máis de 23.000 alegacións e tamén as máis de 20.000 persoas que saímos ás rúas en Palas" o pasado 26 de maio para dicir 'Altri non', e ademais, engadiu, "desoe mesmo un órgano consultivo como o Consello da Cultura Galega".

"Qué clase de Goberno é este, até onde chega a súa avaricia? Todo vale? Iso é o que merecemos os galegos e galegas?", preguntouse Gontá, quen advertiu que "nin Rueda nin ningún dos seus conselleiros vai impoñerlle aos nosos fillos unha vida peor mentres nós esteamos aquí". Ademais, amosouse convencida de que a Xunta "terá que pedirnos perdón algún día polos esforzos que están a facer para impoñernos a todas un modo de vida peor".

Marta Gontá e Xaquín Rubido. (Foto Arxina)
Marta Gontá e Xaquín Rubido. (Foto Arxina)

A presidenta de Ulloa Viva tamén tivo palabras para o CEO de Altri, José Soares de Pina. Lembrou as declaracións que fixo en xuño pasado en rolda de prensa en Santiago: "Nós non facemos investimentos en espazos onde as comunidades onde nos integramos non queren esas instalacións", lembrou para dirixirse ao responsábel de Altri e convidalo a unirse á mobilización do 15 de decembro "e que cumpra coa súa palabra, se é que ten algún valor e abandonen a idea" de instalarse en Palas de Rei. "Nin o queremos nin o precisamos", remachou. 

Mecanismos antidemocráticos

Pola súa parte, o presidente da PDRA, Xaquín Rubido, explicou que esta mobilización protesta contra os "mecanismos antidemocráticos" que está a usar a Xunta "para cambiar o noso modelo produtivo por un imposto". Lembrou que o Goberno galego leva meses "tentando que boa parte dos 23.000 alegantes non sexan declarados persoas interesadas", a través de requirimentos que o Executivo galego está a enviar desde hai meses aos asinantes das alegacións "e que seguen chegando a día de hoxe aos alegantes".

Rubido censurou "os mecanismos que está a usar a Xunta do PP para afastar o control da cidadanía" sobre estes proxectos e "diminuír os prazos para favorecer que estas empresas se implanten no territorio coa menor resistencia social posíbel". Como exemplo, o voto en contra do PP no Parlamento o pasado 22 de outubro a unha Iniciativa Lexislativa Popular do sector pesqueiro avalada por 17.800 sinaturas, sinalou, "que pedía declarar de interese xeral ao sector do mar", cuxa tramitación foi paralizada polos votos en contra da maioría do PP na Cámara galega.

Xaquín Rubido contrapuxo a esta votación a decisión do Consello da Xunta de Rueda en decembro de 2022 de declarar a macrocelulosa de Altri Proxecto Industrial Estratéxico (PIE), igual que fixo en xuño co proxecto de Cobre San Rafael para a mina de Touro, descaou. "Un sector primario coma a pesca e o marisqueo para o PP non é de interese xeral, pero proxectos industriais que queren espoliar o noso territorio e rematar cos nosos sectores primarios eses si son estratéxicos para a Xunta".

Diante desta evidencia, Rubido asegurou que o 15 de decembro é "máis necesario ca nunca" lembrarlle á Xunta que "non pode calar a todo un país". 

Hipotecar os recursos

O presidente da PDRA fixo fincapé "no modelo de país que nos queren impor" con proxectos como a macrocelulosa de Altri, proxectos industriais que "afectan sectores fundamentais da sociedade galega, como son os sectores produtivos tanto o agrogandeiro coma o do mar e o sector transformador, e o sector turístico". "Estes tres sectores van a verse moi afectados polo proxecto de Altri, un proxecto que é contraditorio cos usos da terra e do mar".

Tamén falou Marta Gontá da auga coma recurso, "un ben escaso que sabemos todos que aínda o será máis no futuro", e criticou que a Xunta estea disposta a "hipotecar o río Ulla os próximos 75 anos, un río que atravesa toda Galicia e que é fundamental para o noso modo e calidade de vida". A implantación da macrocelulosa "vai a diminuír cualitativamente a calidade da auga tanto do río Ulla coma da Ría de Arousa", engadiu Rubido, quen reparou nas afectacións que vai ter o Camiño de Santiago, a menos de dous quilómetros da planta que proxecta Altri nun dos treitos máis concorridos do Camiño Francés.