89% das 1.835 vivendas da Sareb na Galiza están baleiras, a maior porcentaxe entre as autonomías do Estado español
Tras a intervención de varios bancos despois da burbulla inmobiliaria, a Sareb ficou cos activos destas entidades, en boa parte vivendas. Moitas destas están hoxe baleiras, unha casuística que afecta especialmente á Galiza, a autonomía do Estado coa maior porcentaxe (89%) de casas sen ocupar sobre o total das que posúe o organismo. A relación entre casas habitadas e desocupadas no Estado é de 42,8%.
Esta porcentaxe, supón o dobre da relación a nivel estatal, onde das 33.523 vivendas en propiedade da institución –coñecida como o banco malo ao facerse cargo dos activos das entidades financeiras que foron intervidas tras a crise inmobiliaria–, 14.359 non están habitadas (42,8%).
Situación das vivendas
Fontes da Sareb explicaron a Nós Diario que todas as vivendas baleiras da institución se atopan nalgún punto antes de ser comercializadas, necesitando moitas delas algún tipo de adecuación para que teñan unha correcta habitabilidade como paso previo á súa comercialización. Outras están nun proceso xurídico para que a propiedade pase definitivamente á Sareb, pendentes de que haxa unha resolución. Ademais, tamén existen vivendas que xa foron obxecto de sentenza xudicial mais que precisan da toma de posesión oficial por parte do organismo.
Por outra parte, segundo estas mesmas fontes, moitas das vivendas que posúe a Sareb xa estaban habitadas cando a súa propiedade recaeu sobre a empresa. No caso das persoas que vivían nelas tiñan un contrato de aluguer regulado, este sufriu unha subrogación e continúan habitando estas casas. Noutros casos, nos que non había un contrato legalmente estabelecido, mais no que se trata de persoas ou familias en situación de vulnerabilidade social, baixo un acordo de colaboración poden continuar na vivenda a través da figura do aluguer social con acompañamento, con este comprométense a intentar mellorar a súa situación económica co asesoramento e seguimento da Sareb. Por último, existen casos de persoas que xa habitaban as vivendas da compañía de forma irregular e nos que, ao non haber colaboración nin acordo de aluguer social con acompañamento, seguen hoxe xudicializados.
Comunidades autónomas
Despois da Galiza, as autonomías cunha maior porcentaxe de vivendas do banco malo baleiras son –segundo os datos adiantados esta terza feira por El País e corroborados pola Sareb a Nós Diario– Nafarroa (85,2%) e Euskadi (80%). Con todo, nestas dúas comunidades autónomas a Sareb conta con 61 e 60 vivendas, o que relativiza estas relacións.
Pola súa parte, Catalunya é onde a institución ten un maior número de vivendas en propiedade, cun total de 11.382, das que tan só 2.474 están deshabitadas (21,7%). Pola súa parte, a de Madrid é a autonomía con menor porcentaxe de vivendas da Sareb desocupadas (15,2%).
A posibilidade de realizar política pública de vivenda
En termos absolutos, ademais de Catalunya, tamén destaca a cantidade de casas que posúe a Sareb no País Valencià (5.983), aínda que en termos porcentuais son máis que a nivel catalán as que están sen ocupar (61,4%).
Precisamente no País Valencià, con motivo da catástrofe da DINA, púxose de relevo a importancia destes activos inmobiliarios e a posibilidade de realizar políticas públicas con eles. Neste sentido, segundo informou a ministra de Vivenda e Axenda Urbana, Isabel Rodríguez, as primeiras vivendas da Sareb que se destinarán a reacoller persoas afectadas polo desastre empezarían a entregarse esta semana. En concreto, o Executivo estatal afirmou que proporcionará un total de 150 casas para axudar as persoas afectadas pola DINA.
Cesión ás autonomías
Precisamente coa intención de aproveitar estas vivendas para desenvolver políticas sociais a nivel autonómico, a senadora do BNG, Carme da Silva, conseguiu en setembro o apoio da Cámara Alta para que o Goberno español transfira á Galiza de forma gratuíta as casas en propiedade da Sareb en territorio galego para que sexan incorporadas ao parque público do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS). O deputado da formación nacionalista no Congreso, Néstor Rego, volveu insistir en outubro nesta petición a través dunha comparecencia desde a Cámara Baixa.
Trátase dunha iniciativa similar á que foi rexistrada a pasada semana por ERC no Congreso e no Senado, que tamén exixe que o Goberno estatal traspase "inmediatamente e a título gratuíto" todos os inmóbeis da Sareb e de calquera outro organismo do sector público estatal ás autonomías, xa que teñen competencia en materia de vivenda.
Ampliación das perdas
Segundo o informe semestral publicado a pasada semana, a Sareb rexistrou unhas perdas contábeis de 1.237 millóns de euros no primeiro semestre de 2024, 50,1% máis que os 824 millóns de euros dun ano antes.
A compañía xustifica o resultado no maior custo do servizo da débeda e no maior volume de vendas de activos que foron traspasados no ano 2012 a un prezo "significativamente superior" ao que finalmente se venderon. Con todo, a Sareb di que estes 'números vermellos' están aliñados coas previsións do organismo.
A posibilidade de operar en negativo
As perdas da Sareb no primeiro semestre de 2024 deixan os fondos propios do organismo nunha cifra negativa de 5.981 millóns de euros. Porén, a empresa, que está participada en 55% por fondos privados e en 45% por capital público a través da Autoridade de Resolución Executiva (FROB), lembrou a posibilidade que lle outorga a lei de operar con fondos propios negativos.
Ademais, a Sareb destacou que incrementou o volume de ingresos até os 1.314 millóns de euros durante o primeiro semestre de 2024, 13% máis que no mesmo período do ano anterior, cando facturou 1.164 millóns de euros. Na área residencial, a entidade vendeu 5.230 vivendas a nivel estatal nos seis primeiros meses do ano, que na súa gran maioría foron compradas por particulares.
A posibilidade de operar en negativo
As perdas da Sareb no primeiro semestre de 2024 deixan os fondos propios do organismo nunha cifra negativa de 5.981 millóns de euros. Porén, a empresa, que está participada en 55% por fondos privados e en 45% por capital público a través da Autoridade de Resolución Executiva (FROB), lembrou a posibilidade que lle outorga a lei de operar con fondos propios negativos.
Ademais, a Sareb destacou que incrementou o volume de ingresos até os 1.314 millóns de euros durante o primeiro semestre de 2024, 13% máis que no mesmo período do ano anterior, cando facturou 1.164 millóns de euros. Na área residencial, a entidade vendeu 5.230 vivendas a nivel estatal nos seis primeiros meses do ano, que na súa gran maioría foron compradas por particulares.