Esta cuarta feira está convocada a segunda xornada de paro nos medios públicos galegos coa que as traballadoras e os traballadores da compañía busca denunciar a “externalización” de programas e "defender o servizo público".
Na véspera da segunda xornada de paro na Compañía de Radio e Televisión da Galiza (CRTVG) —o cal decorrerá esta cuarta feira cun novo paro de hora e media, entre as 11.30 e as 13 horas—, o comité de folga animou esta terza feira ás profesionais de todos os medios de comunicación do país a "rachar coa espiral de silencio que impón o réxime".
Nun comunicado, Raquel Lema, presidenta do Comité Intercentros da CRTVG, en representación do comité de folga, alerta dunha escasa "repercusión na meirande parte dos medios privados que traballan en e desde a Galiza, reducíndose as informacións relativas á mobilización do persoal da CRTVG a un número limitado de medios que actúan como fisuras polas que consegue coarse unha parte da realidade galega que, cada día outras empresas de comunicación ocultan, como esta nova folga da CRTVG".
O primeiro dos catro paros convocados nos medios públicos galegos –co que o persoal busca denunciar a "externalización" de programas e defender o servizo público– decorrido a pasada segunda feira conseguiu paralizar a actividade da compañía, impedindo a emisión de O Termómetro —comezou ás 13 horas, 100 minutos despois do previsto, cando as traballadoras e os traballadoras remataron o paro e se incorporaron aos seus postos de traballo—, programa cuxa externalización foi un dos detonantes da protesta.
Con todo, o comité de folga da CRTVG, "coñecedor de que a manipulación informativa non só afecta" aos medios públicos galegos, expresa o seu apoio ás profesionais que prestan servizos nesas empresas xornalísticas "tamén amordazadas" e agradece "os esforzos que lle consta que cada día moitas persoas fan nas diversas redaccións para intentar abrir fiestras de información que recollan o relato plural da sociedade galega.
"Democratizar" a CRTVG
A convocatoria da folga dáse nun contexto onde o PP promove unha reforma lexislativa para, denuncia o persoal da CRTVG e a oposición no Parlamento, blindar o control dos medios públicos. Así, o Goberno remitiu o pasado mes de xullo ao Parlamento o anteproxecto de Lei de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual da Galiza para a sociedade dixital, que vén modificar a Lei 9/2011, do 9 de novembro, dos medios públicos de comunicación audiovisual da Galiza, fixando que para designar o director xeral da CRTVG non será necesaria unha maioría reforzada de tres quintos do Parlamento, como na actualidade, abondando pasados tres meses coa maioría absoluta dos membros da Cámara, fixada en 38 escanos, dous menos dos que ostenta o PP.
Ademais, o paro desta segunda feira coincide no tempo coa tramitación dunha iniciativa lexislativa popular (ILP) por parte de 40 entidades políticas, sindicais e sociais co obxectivo de “democratizar a CRTVG”. A ILP aposta por garantir unha "información veraz, obxectividade, a imparcialidade, a neutralidade" e reclama que os medios públicos galegos sexan "un reflexo do pluralismo que existe na Galiza". Ao tempo, demandan o fomento da produción propia, sendo "motor da produción audiovisual independente, con transparencia e evitando a concentración das compras nun número reducido de provedores".
- Obter ligazón
- X
- Correo electrónico
- Outras aplicacións
- Obter ligazón
- X
- Correo electrónico
- Outras aplicacións