Saltar ao contido principal

Luz Darriba deu inicio ás festas de San Froilán de Lugo

 O domingo terá lugar a XXVI Mostra de Música Tradicional  do Domingo das Mozas.


A artista multidisciplinar Luz Darriba, autora da muralla dos libros de Lugo no ano 2000, abriu as festas de San Froilán dirixíndose á cidadanía lucense no pregón das festas. Darriba ocupa un lugar destacado na vida da cidade pola súa  dilatada traxectoria en favor da cultura en Lugo.

Autora do Proxecto Cumulum, cando a Muralla foi fortificada con máis de medio millón de libros no ano 2000, a súa intervención serviu como punto de partida para apoiar a candidatura de Lugo ao Patrimonio da Humanidade da UNESCO.

Música Tradicional

A Asociación de Gaiteir@s Galeg@s organiza de novo, co patrocinio da area de Cultura do Concello de Lugo, a XXVI edición da Mostra de Música Tradicional do Domingo das Mozas, mostra que contará coas actuacións de máis dunha decena grupos de música tradicional galega, chegados dende distintos puntos da xeografía galega, e con distintas formacións (grupos de gaitas, pandeireteir@s,  murgas...) que encherán demúsica o casco vello da cidade no día máis emblemático das festas.

Os grupos participantes actuarán en horario de mañá (11.30 a 14 horas) e de tarde (17 a 18 horas) no centro histórico da cidade, facendo pasarrúas por distintas prazas e rúas, para que toda a xente que entre na cidade, sexa recibido co son da musica tradicional do país.

Esta mostra, na que a Asociación de Gaiteir@s Galeg@s  xunta ano tras ano aos mellores grupos de música tradicional da Galiza, ten como finalidade a exaltación da música tradicional galega servindo como medio de difusión para que chegue ao maior número de xente posíbel. É a única mostra deste tipo que se celebra nunhas festas patronais e consegue que Lugo sexa referencia en toda a Galiza, e demostra que a música tradicional pode ser a protagonista da festa na rúa.