Saltar ao contido principal

Diversidade e inclusión

 

Carme Adán

Carme Adán



Hai palabras que sempre campan ben. Nun discurso, nun documento ou na capa dun libro o eloxio da diversidade e a exaltación da inclusión son sinónimo de boa prensa. Aínda sendo as palabras importantes, en ocasións son trampulleiras. O ensino galego vive nese engano. Por unha banda, ten un goberno que publicita un Plan MEGA no que promete montes e moreas para a inclusión. Por outra, a real que se vive nas escolas, o profesorado de apoio escasea e as aulas están masificadas.

Falar de diversidade e educación é case un sinónimo. Entrar nunha aula é igual a tomar conciencia do diferentes que somos como humanos na nosa forma de aprender, nos tempos e nos intereses. O curioso é como queremos uniformizar. Como queremos que a educación sexa sempre o mesmo para todos e todas. No fondo, empregamos o concepto diversidade para aquelas persoas que lles costa máis entrar no molde predefinido. No contexto da escola empregamos diversidade para as crianzas que necesitan máis tempos, grupos pequenos, ou outras metodoloxías. Isto é, unha atención máis individualizada. O que en termos económicos implica profesorado especializado, formado e a redución real das ratios nas aulas. 

Incluír é un verbo aínda máis trampulleiro que o anterior concepto. Nada máis o enunciamos fica claro que existe unha exclusión previa. Debemos lograr un ensino inclusivo porque o seu deseño de base xa semella pensado para excluír. Niveis, currículos, contidos, rixidez nas idades de cada curso, número de alumnado por aula e un longo etcétera dan conta disto. Ocorre igual que co debate que estes días temos a respecto da lingua galega. Botamos as mans á cabeza porque a rapazada non sabe galego, mais o lóxico é preguntarse onde o van aprender. Na escola habita de xeito minimizado ou ritual e non existe nos espazos de lecer infantil ou propios da mocidade. Así que só sobrevive naquelas familias que aposten pola súa transmisión. Coa inclusión ocorre isto. Son as familias, en concreto as nais, as que pelexan para que nenos e nenas teñan nas escolas unha atención de calidade e non sexan condenados a estar nunha esquina sentados sos. O profesorado vivimos isto desde a frustración porque non podemos con douscentos alumnos a semana. A realidade é que atendemos o urxente. E, ás veces, nin damos par iso.

Este mércores 16 de outubro as familias de Vigo, xunto coas direccións de primaria, chaman á cidadanía a manifestarse na rúa por un ensino inclusivo. Fronte a ese anuncio da Consellaría co que iniciamos o curso, o que existe é a impotencia. Hai anos visitei un centro de Finlandia no marco dun Erasmus. O seu equipo de Orientación estaba composto por dúas psicólogas, dúas enfermeiras, unha traballadora social e unha educadora social. A maiores disto estaban as persoas que exercían labores de orientadoras laborais. Nos nosos centros unha profesional fai todas estes labores, desde elaborar os informes ata prestar a atención individualizada ao alumnado.

Se as palabras non toman corpo, ou orzamentos, fican en meros golpes de voz.