Prisión sen fianza para o presunto autor do crime de Moaña.
O feminismo galego mobilízase contra o último crime machista na Galiza , dos últimas , Ferrol
Centos de persoas participaron esta segunda feira nas mobilizacións convocadas en diferentes comarcas da Galiza pola Marcha Mundial das Mulleres (MMM) para denunciar e rexeitar o asasinato de Fadoua Akkar, a muller de 41 anos que esta fin de semana perdeu a vida en Domaio (Moaña, Morrazo) no terceiro crime machista no que vai de ano na Galiza. Akkar faleceu tras precipitarse ao mar no paseo de Domaio o vehículo no que circulaba con A.C.T, veciño de Moaña detido por estes feitos. O home recibiu esta segunda a alta hospitalaria e foi posto ao dispor do Xulgado de Instrución número 3 de Cangas, en funcións de garda, que decretou a súa prisión provisional comunicada e sen fianza. A maxistrada ordenou o ingreso en prisión do detido, investigado por un delito de homicidio.
Segundo confirmara horas antes a Subdelegación do Goberno español en Pontevedra, o condutor do vehículo ten antecedentes por violencia de xénero. Estivo en prisión por uns feitos violentos neste ámbito ocorridos en 2012 e foi condenado pola Audiencia de Pontevedra.
Máis de 70 asasinadas
"Desde o ano 2010 son máis de 70 as mulleres asasinadas na Galiza, estas son as cifras da vergoña e que se verán incrementadas cando sexan esclarecidos os casos pendentes dos que non esquecemos", recóllese no manifesto lido ao final das concentracións, convocadas polo feminismo en 22 cidades e vilas da Galiza.
As convocantes lembran que os feminicidios "son só a mostra máis brutal e cruel das violencias que día a día vivimos as mulleres", e denuncian como "ante cada novo asasinato machista hai cada vez máis indiferenza e atopamos por parte das institucións unha simple declaración ritual como se fose inevitábel".
Engaden que o feminismo galego "non vai avalar ningunha medida estética que non vaia ao fondo do problema", e denuncian os recortes da Xunta nos últimos anos, concretados en decisións como "suprimir a secretaría xeral de igualdade", ou avogar pola "xestión privada" dos centros 24 horas de atencións a vítimas de violencia sexual.
Parar a violencia machista, "prioridade política"
"O que lle pedimos ás institucións é que se deixen de lazos lilás e de políticas estéticas e aborden a cuestión da violencia machista como unha prioridade para a acción política", conclúen.
- Obter ligazón
- X
- Correo electrónico
- Outras aplicacións
- Obter ligazón
- X
- Correo electrónico
- Outras aplicacións