Saltar ao contido principal

VELLAS AMIZADES

 


 


É sabido que a traxectoria que marca a liña da vida é pura indeterminación. Por moito que un trate de deseñar un camiño, sempre aparecerá algo que cambie a dirección que previamente marcaches. As decisións que tomamos forman parte da incerteza da vida. Se eu non decidira estar escribindo agora este comentario, o que acontecera a partir de aí cambiaría a miña traxectoria vital como tamén a cambian as amizades que aparecen e desaparecen. Atoparse cunha vella amizade que un consideraba xa perdida fai que un volva a vivir intres e situacións que xa estaban descansando no recuncho máis afastado do disco duro da memoria.


Hai uns días estaba sentado nunha terraza na miña vila na compaña duns amigos cando unha veciña achegouse a min para me dicir: —estes señores preguntan onde vive Xoán Rubia. Levanteime para saudar á parella que preguntaba por min sen que os seus rostros me deran ningunha pista. — Ola Xoán, son Anxo Pereira, fomos amigos de pequenos ata que marchei cos meus pais a Santander. —Jo... Non me digas que es “Cholo”! E de súpeto, como se pasaran pola miña mente unha sucesión de diapositivas comecei a ver imaxes en branco e negro que tiñan máis de sesenta anos. A miña memoria escapaba polos recunchos da miña nenez. “Cholito” e máis eu eramos os mellores amigos, os que nos víamos todos os días para xogar na rúa, que era onde xogabamos os nenos na década dos cincuenta. O seu pai tiña un taller de reparacións de aparellos de radio e tamén alugaba bicicletas que eu desfrutaba gratis. Fundímonos nunha aperta logo de que pasaran mais de sesenta anos sen vérmonos.ata este día que apareceu por Mugardos e preguntou por min. Uns amigos da infancia que logo de todo ese tempo transcorrido volven a coincidir no lugar no que tantas veces xogaron e viviron felices, porque os nenos tíñamos a necesidade de vivir felices coas nosas pequenas cousas. Pasou moito tempo dende aquelas aventuras infantís e xa é moi difícil que tratemos de recompoñer e recuperar o que posteriormente non vivimos xuntos, pero nunca é tarde para lembrar, porque habendo lembranzas aínda vívidas é bo que saian a relucir  recuperando así o que gardamos e durmía na memoria.


Foi este un fugaz reencontro, de pe na rúa mirando ao mar que tantas veces contemplou os nosos xogos de nenos e á ribeira que formou  tamén parte do noso “parque infantil”. Logo de tanto tempo poderíamos falar de tantas cousas! pero deixámolo para outro intre, que seguro chegará, aquí ou en Santander, abofé.
Felizmente, dous amigos logo de tanto tempo de silencio, volven a se atoparen.