A Plataforma de Organización de Infancia presentou esta terza feira os datos de pobreza e infancia correspondentes a 2023.
Unha de cada catro crianzas galegas está en risco de pobreza e exclusión social (25,8%), segundo datos de 2023, mentres que máis de 40% recoñece que non pode irse de vacacións unha semana ao ano.
Son algúns dos datos que se desprenden da análise da Enquisa de Condicións de Vida con Enfoque de Infancia na Galiza elaborada pola Plataforma de Organización de Infancia (POI), que se presentou esta terza feira e que se basea en datos solicitados ao INE.
Tal e como explicou o actual director da plataforma, Ricardo Ibarra, España ten "un claro problema" de pobreza e exclusión social en nenos e nenas, cunha das taxas máis altas da Unión Europea, do 33,9% –o que significa que hai 2,7 millóns de crianzas en risco de exclusión social–. "É o segundo país co dato máis alto de toda a Unión", sinalou. "Desde 2008 non baixa de 30%", polo que se referiu a un problema estrutural.
Pobreza severa
Entre as causas desta situación, apuntou, está o pouco investimento que se realiza en infancia e familia. No Estado español, destínase un 1,6% do PIB, cando a media europea é de 2,5%. "En España non existe unha axuda á crianza similar á que existe noutros países da Unión, a pesar de que hai unha relación directa entre as axudas á crianza e os niveis de pobreza infantil", incidiu.
Polo que se refire a Galiza, Ibarra lembrou que é unha comunidade autónoma moi envellecida, con só 360.000 nenos e adolescentes. E malia situarse entre os territorios con menor taxa Arope na infancia, 25,8%, segue a ser unha cifra moi alta, xa que supón que máis dun cuarto da poboación infantil atópese en risco de pobreza.
O dato máis negativo chega coa taxa de pobreza severa (cando o total de ingresos da unidade de consumo non alcanza 40% da mediana de ingresos), que na Galiza é de 10,3%.
Neste sentido, Ibarra subliñou que a carencia material supón unha "clara vulneración" dos dereitos das crianzas, xa que compromete a capacidade para manter a vivenda cunha temperatura adecuada (na Galiza un 19,8% non pode facelo) e o consumo dunha comida de carne, polo ou peixe polo menos cada dous días (un 3,2% dos galegos non o fan).
O presidente da plataforma remarcou, ademais, que 40,4% dos menores galegos non poden ir de vacacións polo menos unha semana ao ano, un dos poucos datos no que a cifra galega é superior á estatal (34,1%).