Saltar ao contido principal

Retallos da memoria

  





Dende hai un tempo manteño contacto co profesor Alfonso Martínez Foronda residente en Granada que, xunto ao seu colega Pedro Sánchez Rodríguez están a faceren un inxente labor a prol da recuperación da memoria histórica da cidade andaluza. Alfonso Martínez pediume datos sobre o meu tío Xosé Rubia Barcia que estudou nesta cidade a carreira de letras, onde tamén exerceu como profesor, e ao que dedicaron un excelente artigo nese contexto memorístico. 


E a semana pasada recibín un formidable traballo destes dous profesores referido á illa de San Simón como referente represivo de presos republicanos granadinos  que foron trasladados a ese illote da ría de Vigo onde moitos deixaron a vida. O director dese “Auschwitz” galego, Fernando Lago Búa, foi bautizado como “O carniceiro de San Simón” en cuxas dependencias contaba coa axuda inestimable doutro sinistro personaxe: “el padre Nieto” un predicador xesuíta abulense que oficiaba  misa coa súa pistola ao cinto e que, segundo testemuñas de superviventes, con ela daba o tiro de gracia a algúns fusilados. Cóntanse auténticas barbaridades deste individuo como que nunha ocasión machucou a cabeza dun preso co seu enorme crucifixo por negarse este a confesar antes de ser fusilado, ou de emprendela a golpes co seu bastón cun preso moribundo ao grito de: “Muérete ya, rojo impío!”. Todo isto acontecía dentro do contexto dun nacional catolicismo exacerbado onde outro personaxe como Pilar Primo de Ribera chegou a manifestar que Franco era “nuestro Señor” na terra. Aí queda iso! Non é de estrañar pois que con eses parámetros ocorreran as cousas que acontecían. Hoxe a illa de San Simón é un centro de actividades culturais, lonxe daquelas barbaries que acubillou outrora, e ben está que sexa así pero sen que iso borre a memoria do que no seu momento representou. O golpe de estado do 36 supuxo unha guerra que durou tres anos e centos de miles de mortos, máis unha represión posterior encadrada nunha manobra de “limpeza”  para vivir logo ben aseados corenta anos baixo a bota dunha férrea ditadura. Para algúns esta foi a solución aos males que padecía España e para outros un freo indiscutible para o avance na consecución dos dereitos sociais garantes do progreso no amplo senso da palabra. Hoxe hai quen desexaría volver atrás, pero cabe esperar que a democracia ben entendida  poida frear a tendencia deses que viven dentro dela cal parasitos co afán de corrompela. A memoria, saber en verdade quen foi quen na nosa historia  malia que as veces as verdades doan, axudaría, e moito, a que certas cousas non se volvan repetir.