Saltar ao contido principal

O valor dunha imaxe

 Carme Adán

Carme AdánProfesora


É un tópico afirmar que unha imaxe vale máis que mil palabras. No caso do xuízo de Gisèle Pélicot non pode ser máis certo. O seu rostro firme e sereno inunda xornais e redes sociais. Dos violadores as fotos escasean. Non sabemos como é a súa cara, como encaran a súa defensa. Ela decide que o xuízo sexa público e manter o apelido do seu ex marido ate que finalice. Todas as accións cargadas de simbolismo e dignidade.

Afirma Gisèle P. que desexa que o medo cambie de bando. Que a vergoña sexa de quen comete o delito e non de quen o sofre. A violencia contra as mulleres é o único delito que cuestiona a quen a padece. Ninguén se avergonza de que lle roubaran o coche, a carteira ou, incluso, de que o estafasen. Non obstante, semella que as mulleres que viven unha agresión sexual deben esconderse. Gisèle racha esa lóxica e fai da barbarie vivida un punto para reflexionar sobre como é posíbel que non sexan eles os avergoñados. Eles son os que deben dar contas diante do mundo. Explicar como se pode exercer ese nivel de violencia e erguerse para ir ao traballo. Almorzar tan tranquilos ou, pode que incluso comentar entre risas cos compañeiros o vivido.

Estamos ás portas dun novo curso escolar. A educación afectivo-sexual segue desaparecida. Nada. Nin unha materia optativa sequera forma parte do currículo. Desapareceu a materia de Igualdade de xénero dos centros e só algunha nota necrolóxica da conta da súa antiga existencia. A tantas veces comentada lei do "só si é si" ten unha parte moi importante de formación que segue sen desenvolver. Nin o Ministerio de Igualdade, nin os escasos retos da antiga Secretaria xeral de Igualdade do Goberno galego van ao fundamental, isto é, a formación de mozos e mozas. A pornografía é hoxe a escola sexual da mocidade. Unha pornografía que exalta a violencia contra as mulleres e onde escenas como as vividas por Gisèle son o cotiá.

Podemos escandalizarnos e falar en termos de repulsa moral no que se refire á violencia sexual. Mais seguimos sen poñer os medios para atallala. Vivo nunha cidade, Vigo, na que este ano incrementáronse os delitos sexuais un 87% segundo os datos do Ministerio de Interior. Os titulares falan de catro agresións sexuais denunciadas á semana. Semella que só confiamos no punitivismo. Un erro. Como ben dicía Concepción Arenal: necesitamos abrir escolas, para pechar cárceres. Apliquemos isto á educación sexual e preguntémonos por que aínda non temos un Plan de educación afectivo-sexual para o ensino. Igual porque hai medo á ultradereita e ao seu pin parental. Penso que non van mudar os libros de bioloxía porque os antivacinas así o demanden. Ou si?

Non sei se o medo mudou de bando. Cando menos, o feminismo axudou a fitar con firmeza os agresores e denuncialos. Axudou a desenvolver teorías sólidas que explican por que a violencia e o medo son tan rendíbeis para manter o patriarcado. A imaxe deste inicio de curso é a de sempre: agardamos a que a educación afectivo-sexual entre nas aulas. Agardamos, con certa impaciencia, a que se entenda a diferenza entre instruír e educar.