A deputada socialista Paloma Castro denunciou este domingo que a Xunta da Galiza está incumprindo unha serie de disposicións en materia de saúde reprodutiva das mulleres.
A deputada do PSdeG sinalou que que a norma do 2023 introduce “as modificacións necesarias para garantir a vixencia efectiva dos dereitos reprodutivos das mulleres en España”, pero que máis dun ano despois da súa entrada en vigor a súa aplicación non é uniforme en todas as comunidades.
A responsábel socialista denuncia que a lei esixe que se ofreza información suficiente sobre a interrupción voluntaria do embarazo, algo que “non se está a cumprir nalgunhas áreas sanitarias” de Galiza.
A voceira do PSdeG en materia de sanidade lembra que a norma obriga a garantir esa prestación nos centros hospitalarios mais os informes elaborados polo propio Servizo Galego de Saúde (Sergas) desminte o cumprimento desa disposición.
A rede pública de hospitais “de acordo con criterios de gratuidade, accesibilidade e proximidade, estabelecendo os dispositivos e recursos humanos suficientes” debe ofrecer esa asistencia, pero “existen máis derivacións das desexábeis a centros privados de carácter extrahospitalario”.
A Xunta da Galiza continúa sen elaborar o rexistro de persoal sanitario obxector de conciencia. A este respecto, Castro sinala que a lei recolle garantir “tanto a seguridade xurídica e o pleno respecto ao dereito das mulleres a interromper o seu embarazo como o dereito dos profesionais á obxección”.
A parlamentaria socialista esixe ao Goberno galego que cumpra a lei e que deixe de “menoscabar” os dereitos das mulleres. Neste punto, incide que a Xunta “debe facilitar información suficiente sobre o proceso, a normativa e as condicións para interromper voluntariamente o embarazo”.
Castro demanda, tamén, “garantir que os centros hospitalarios públicos de todas as áreas sanitarias ofrecen esa prestación nos casos legalmente previstos” e reclama “a creación do rexistro de obxectores de conciencia contemplado na lei”.