Saltar ao contido principal

Lembranzas entrañables

 





Como nacín e vivín moitos anos en Ferrol, estiver, onde estiver, sempre me considerei moi ferrolán, malia que o feito de estar vinculado laboralmente á Coruña desde 1975 me convertise, inevitablemente, nun ferrocoruño. E como nacín e vivín os primeiros anos da miña vida no “muelle” –moito me ten molestado aquilo tan común en tempos de “golfo, pareces del muelle”– tiña interés en ver a exposición, organizada pola Autoridade Portuaria e comisariada por Susana Menéndez Seoane, “Ferrol Vello: el barrio del que todos somos vecinos”, cousa que fixen a mediados de semana. Chamoume a atención unha foto, que descoñecía, na que aparecen dúas persoas relacionadas, por diferentes vías, coa miña familia. Trátase de Manuel Plana Yáñez, curmá da miña avoa Fortuna, e de Daniel Porto, cura párroco do Socorro. Na sociedade pesqueira do primeiro -con base fundamental en Bouzas-Vigo-, traballara meu avó Santiago Paz, desde que marchara da Habana, en 1931, ata que viñera para Ferrol, a mediados dos corenta, para traballar, tamén en asuntos de pesca, co seu cuñado Miguel Mauriz Yáñez, irmán da miña avoa. O sacerdote Daniel Porto foi quen lle alugou a vivenda da parroquia, dado que non a utilizaba, na que tamén vivían meus pais e alí nacín eu. Lémbrome vagamente dela e teño fotos alí, nese espazo, que hoxe está moi diferente, no que pasei os primeiros seis anos da miña vida.


A exposición da Sala Curuxeiras, como non podía ser doutra maneira, fíxome revivir moitos momentos daquel “muelle” hoxe tan diferente, en todos os sentidos, empezando pola actividade pesqueira -a que levara a miña familia para alí-, que xa nesa altura estaba en decadencia, como pode lerse no artigo “En serio y en broma : Los barcos de pesca”, aparecido en El Correo Gallego (13-XII-1945), asinado por V.: “Desaparecida totalmente la propiedad de parejas nacidas en Ferrol, y muchas construídas en los puertos de la ría, quedan actualmente una pareja y otro barco más de la Sociedad de don Manuel Plana, mugardés de nacimiento, aunque con vida y desarrollo de este negocio en Vigo e Bouzas; y queda también otro barco, propiedad de don Miguel Mauriz, de Mugardos, que en total forman la flota pesquera que recala en este puerto. A esto ha quedado reducida esta gran gran vida...”. Mais algo quedaba. O que si había era moito movimento, un dinamismo, que se foi perdendo ao longo dos anos, que se manifestaba principalmente nas rúas da Mercé e da “Cárcel” -que ninguén lle chamaba Benito Vicetto-, con todo tipo de establecementos comerciais que cubrían as necesidades cotiáns dos habitantes do barrio. Lémbroos ben e teño a impresión de que non había que saír de alí para nada, ou case nada.


Na parte do porto había un ir e vir de xentes subindo e baixando do tranvía, que ía ata Neda –vense ben as vías nalgunhas das fotos da exposición– ou das lanchas de pasaxeiros a Perlío, Barallobre, Maniños, Mugardos, O Seixo, A Cabana, A Graña ou San Felipe, que se distinguían polas cores das chemineas, tansportes hai tempo desaparecidos.


En fin unha exposición con interese, máxime para naturais ou veciños do barrio.  O que lamentei foi a ausencia do galego nos textos, pois, á marxe doutras consideracións, era o idioma falado por moitos dos residentes.