Saltar ao contido principal

Eucaliptización

 Miguel Anxo Fernán Vello

Miguel Anxo Fernán Vello

Segundo datos da Escola de Enxeñaría Forestal da Universidade de Vigo, a superficie ocupada polo eucalipto en Galiza superaba xa no ano 2022 as 410.000 hectáreas, practicamente a terceira parte do total que ocupa na península Ibérica. É dicir, o eucalipto globulus e o nitens, as variedades máis comúns, invaden a día de hoxe máis do 30% da superficie arborada galega, sendo así que —tal como recoñece mesmo o Consello da Cultura Galega— a plantación de eucalipto representa máis da metade do total de España. E se sumamos o eucalipto galego e o do norte de Portugal obtemos un dato que non deixa de provocar certo pasmo, pois a súa superficie ocupa 1 millón e medio de hectáreas, cando no resto dos países europeos sumados andan os fitónimos nativos de Australia non moito máis alá das 100.000 hectáreas.

Os científicos Maruxa Álvarez, Adolfo Cordero e Alba Martínez, docentes da facultade de Bioloxía da UDV os dous primeiros, e da Escola de Enxeñaría Forestal, teñen demostrado, por exemplo —no plano científico e en relación aos denominados 'ríos de orde 1'—, que a riqueza e diversidade de especies —as larvas de insectos, os insectos adultos e os bosques de ribeira— diminúe a medida que aumenta o chan ocupado por eucaliptais. É dicir, os eucaliptos, que xa ocupan o 15% do territorio galego, perpetran, neste ámbito aludido, un auténtico atentado ambiental e, principalmente, contra a biodiversidade.

E non se debe esquecer —así concluíu no seu día un comité de expertos científicos do Ministerio de Agricultura— que o eucalipto, ademais de ser unha especie 'invasora', impacta de xeito negativo sobre os ecosistemas en xeral e provoca serios efectos ambientais, aumentando —e agora quen fala é o departamento de Medio Ambiente do Goberno vasco— o risco severo de incendios. E ao fío disto último non se esqueza que en Australia —terra nai dos pirófitos ou pirófilos por excelencia— denominan aos eucaliptos 'árbores de gasolina'. En Pedrógão Grande, no sur de Coimbra (47 mortos), o 97% dos montes ardidos estaba formado por eucaliptos. Xulguen vostedes. E falen os científicos. 

A eucaliptización —existen máis de 300 especies distintas de eucaliptos— avanzou no espazo galegoportugués como unha praga. Existe verdadeiramente un modelo de xestión dos montes? Quen manexa as follas de cálculo e beneficio económico? Malditos sexan os que destrúen a natureza.