A historiadora é comisaria, xunto con Guillermo Llorca, desta exposición
Esperanza Piñeiro, comisaria, xunto con Guillermo Llorca, da exposición que se inaugurou onte no Centro Torrente Ballester, destacou de Vicetto a súa condición de “pioneiro naqueles anos en que estaba todo por facer”. Esta afirmación non é en absoluto menor, pois pon en contexto a importancia do escritor e historiador ferrolán na súa época.
O espazo da sala Bello Piñeiro estrutúrase en dúas partes, co fío condutor da actividade xornalística do protagonista. Desa maneira, os comisarios tecen un relato no que, ademais da biografía e a bibliografía do autor, expoñen a vizosa tradición xornalística da cidade, como lembrou Llorca. Son arredor de 300 cabeceiras, nada menos, desde o primeiro El Águila. Revista marítima y literaria del Ferrol. De feito, a portada do segundo número, publicada o 10 de setembro de 1845, pode verse na exposición.
Dese xornal foi director Benito Vicetto, cando só tiña 21 anos, lembrou Guillermo Llorca. O ferrolán, autor dunha novela que adquiriu gran sona no seu momento, “Los hidalgos de Monforte”, tivo ademais unha forte acendencia nos seus contemporáneos e inmediatamente posteriores. Tanto, que Juan Renales, o maior experto no Vicetto literario, ten referido múltiples influencias (estilísticas e formais, mais tamén temáticas) en autores como Valle-Inclán, entre outros.
O arquivo
Un dos grandes –se cadra o maior– atractivos da exposición é o material extraído do arquivo persoal de Vicetto co que se fixera, no seu momento, Dionisio Gamallo Fierros. Son cinco carpetas con material, precisou Esperanza Piñeiro, como cartas enviadas por Manuel Murguía, o seu paisano Montero Aróstegui, Eduardo Pondal ou Pastor Díaz, así como con Carolina Coronado, coa que publicou a novela por entregas “Adoración”. As loas á súa obra de teatro “El arquero y el rey”, estreada no Jofre, ou unha versión corrixida –e non publicada porque, segundo lembrou Piñeiro, non deu atopado os fondos necesarios para reimprimila– dun dos tomos da súa Historia de Galicia integran tamén a exposición.
Todo ese material –e máis, como os poemas, tamén inéditos– procede da famosa “maleta” de Vicetto, como explicou Antonio Deaño, copropietario do arquivo do seu tío-avó. “El”, asegurou, “estaría orgulloso de poder ver esta exposición, de ver que ese material que gardou durante tanto tempo, serviría para dar a coñecer e recoñecer a súa figura”. De feito, lembrou Deaño –con raíces ferrolás, onde viviu durante tres anos e onde segue a ter parentes–, Gamallo Fierros tiña pensado, como lembrou en varios artigos dunha revista de Ribadeo, escribir un libro de “reparación” da figura de Vicetto que finalmente non puido encetar.
Desde onte, o escritor e historiador ferrolán será máis accesible que nunca ao público xeral, pondo así fin a longos periodos de ostracismo, en boa medida provocados pola imaxe deformada –e tamén o ninguneo da súa achega historiográfica– que outros que o sobreviviron verqueron sobre a súa memoria.