Saltar ao contido principal

Camiños colectivos

 

Carme Adán

Carme AdánProfesora



Escribir sobre a actualidade sempre implica priorizar. En xeral, as nosas propias preocupacións lévannos a ollar de forma selectiva a esa realidade múltiple e, por momentos, caótica que nos rodea. Nestas últimas semanas as cuestións referidas as violencias machistas estiveron moi presentes nesta reflexión semanal que comparto cos lectores e lectoras. O caso de Giselè en Francia e o aumento das denuncias de violencia sexual no estado obríganme a volver unha e outra vez sobre este tema. Como no caso da 'Manada', o xuízo en Francia permítenos entender e explicar porque a violencia sexual é sistémica e os homes que cometen estes delitos non son monstros. Son país, irmáns, compañeiros de traballo que os seus veciños seguro que os consideran encantadores e moi educados.

A sociedade está preparada para aceptar que a violencia a exercen homes perigosos que se agochan nas sombras. Non para recoñecer que a violencia é sistémica porque forma parte da propia estrutura social. Así o vemos nas declaracións dos agresores no xuízo francés. Algún consideraba normal violar a unha muller se o marido o consentía, outro entendía que podía estarse facendo a durmida, outros nin sequera se preguntaban nada. Ese entender normal acceder ao corpo das mulleres sen o seu consentimento é parte do problema que esta sobre a mesa. De novo, o consentimento é o elemento central cando falamos de violencia sexual. A antiga concepción da posesión das mulleres por parte dos homes é o que está na base da lexitimación que os violadores teñen nas súas mentes. Nese sentido podemos entender os abusos ás nenas e mozas por parte de familiares e a súa contorna próxima. Banalizando o impacto que nelas vai ter. Querendo ver insinuación ou complicidade cando o que existe é medo e parálise.

Na nosa realidade máis achegada o caso de Hadriana Ordóñez tamén debe levarnos a pensar de vagar. Hadriana ensínanos algo importante: por difícil que sexa revivir un trauma, por difícil que sexa que nos cuestionen a palabra, só conseguiremos ser iguais se somos libres. A liberdade implica loitar contra as violencias machistas e o poder que teñen para normalizarse e banalizarse. Denunciar sempre é difícil, pero o silencio tamén mata.

Falar de violencias machista non implica vitimizarnos. Para nada. As mulleres non somos vítimas. Vivimos nunha sociedade que nos fai máis vulnerábeis en termos sociais, económicos e de recoñecemento. O reto é mudar isto. De aí que remate parabenizando a dúas mulleres, Bea Lema e Chus Pato, que veñen a sumarse a esas mulleres que na creación cultural galega acumulan recoñecementos para a nosa cultura e a nosa lingua. Da vintena de premios colleitados en sete anos a nivel estatal, a maioría son mulleres.  Premios de poesía, narrativa, tradución, cinema, xornalismo cultural e teatro dan conta da vizosidade cultural e do poder das mulleres. As estruturas múdanse ladrillo a ladrillo, non queda outra que educar aos mozos en feminismo e igualdade. Non queda outra que recoñecérmonos e visibilizar o camiño colectivo da liberdade.