Xosé María Dobarro 12 de agosto de 2024, 14:23
Acaban os Xogos Olímpicos de París, aos que, case diariamente, lle dediquei unhas cantas horas da tardiña –en directo– ou da madrugada –en diferido, utilizando a función de rebobinado–. En realidade, o que vin, na liña seguida en todos os xogos anteriores, que tiven a posibilidade de poder ollar, foron bastantes probas de natación e máis da metade das de atletismo. Hai bastantes deportes dos que non vin nin un segundo e outros tantos aos que só me acheguei porque me cadrou acender o televisor cando os estaban retransmitindo e nese momento, por calquera razón, fiquei por un tempo enganchado. Non foi así, desde logo, cando no deporte en cuestión participaba algunha das seleccións españolas ou un/unha deportista española. O motivo fundamental: non soporto os narradores de ningunha das disciplinas olímpicas. Son un magnífico exemplo de falta de obxectividade absoluta, como se lles fose a vida nos lances. E non só iso, xa que o volume no que falan, os berros que regularmente botan, feren calquera ouvido, mesmo os menos sensibles. E que dicir do escaso nivel de coñecementos tanto dos deportes, dos e das deportistas e xa non digamos dos idiomas, que se pon de manifesto no desleixo na pronuncia dos nomes dos participantes. En fin, bastante penoso todo.
Indignante me pareceu que en varias ocasións se ocupasen os minutos do telexornal do mediodía para unha retransmisión deportiva con participación española. Se había ata unha ducia de canles para poñer ese partido de fútbol, de tenis, de baloncesto ou do que for. Calquera diría que era máis importante o enfrontamento deportivo que calquera cousa que estivera a acontecer polo mundo adiante. Inaudito. Nesa mesma liña, aínda que nun chanzo inferior, poderiamos poñer a interrupción da narración dunha proba de atletismo para poñer un combate de taekwondo no que pelexaba un español. Quen quería ver o taekwondo xa o estaría facendo na canle correspondente. Pero non. Que non queres caldo? Dúas cuncas. Como xa apuntei en frases anteriores o que realmente me interesou nos Xogos Olímpicos, desde que puiden velos, foron o atletismo e, algo menos, a natación. O resto moi pouco ou nada, aínda que sempre me toca ver algo. Recordo que nos Xogos de Atlanta, que se celebraron mentres estaba na Habana, me caeu en sorte –por non lle facer un feo a uns amigos– ver durante unhas horas o partido de beisbol –especialidade que entra e sae da relación de deportes olímpicos– entre Cuba e Estados Unidos –con vitoria cubana, por certo– sen ter a menor idea das regras do xogo.
Os primeiros xogos que vin foron os celebrados en México entre o 12 e o 27 de outubro de 1968. Acababa de comezar os meus estudos en Santiago e recordo que ía ver a competición de atletismo a calquera bar próximo da pensión na que moraba, dado que o tempo estaba ben fresco e chuviñento. Hai un par de cousas que me quedaron gravadas. Unha, que Ignacio Sola, como era o que iniciaba as rondas, foi o primeiro en superar 5,15 m, o que supuña, nada menos, que bater o record olímpico. Logo quedaría noveno con 5,20. A(s) outra(s), a máis relevante, a das manifestacións de protesta contra o racismo que, nomeadamente, protagonizaron os velocistas afroamericanos Tommie Smith e John Carlos.
Do atletismo visto en París tamén me van quedar recordos. Falarei noutra ocasión deles.