Saltar ao contido principal

Xesús Alonso Montero: «O franquismo era o franquismo, unha ditadura de dereitas ó servizo dos ricos. E contra esa morralla eu estiven, estou e estarei»

 


O expresidente da Real Academia Galega presenta na Feira do Libro de A Coruña esta tarde a súa nova obra, «Palabras para o noso tempo», un compendio dos seus discursos orais

08 ago 2024 . Actualizado a las 14:57 h.

Ovigués case centenario Xesús Alonso Montero non deixa que os anos lle pesen á hora de divulgar coñecemento. Incansable, segue a súa labor en prol da cultura e lingua galegas, tras superar a censura franquista e diversos periplos que inclúen o cárcere. Os seus máis de 5.000 discursos ó longo da súa traxectoria son proba do seu compromiso coa patria, e da súa interminable inquedanza social. 14 destas intervencións, gravadas entre 2013 e 2017, plasmáronse no seu último libro, «Palabras para o noso tempo», editado en Alvarellos. Preséntase este xoves, ás 20.00 horas, na carpa de actividades da Feira do Libro coruñesa. No acto estarán presentes, asimesmo, a profesora coruñesa Olivia Rodríguez; a escritora de Santa Comba Carmen Blanco, e Henrique Alvarellos, da editora.

—Que vai presentar na Feira do Libro?



—O libro titúlase, pero o título non é meu, o título é das editoras, que son a profesora da Coruña Olivia Rodríguez González, e unha escritora de Santa Comba que se chama Carmen Blanco Ramos, titúlase «Palabras para o noso tempo». Como naceu este libro? Este libro non naceu de min: os textos son meus, pero a iniciativa da publicación do libro non foi miña. Esta Carmen Blanco un bo día tivo a idea, supoño que feliz, de que como na miña vida intelectual a oratoria ten unha certa importancia —creo que pronunciei dende o ano 51 a hoxe unhas 5.000 charlas, penso que superei a Otero Pedrayo— pois ela, aconsellada por outros amigos meus, pensou que sería bo grabarme algunhas destas charlas, conferencias, presentacións de libros… Entón dende o 2013 até ao 2017, que foi o período en que fun presidente da Real Academia Galega, ela grabou 66 intervencións miñas. E logo entre ela e Olivia Rodríguez escolleron 14, que son os 14 discursos que se publican neste libro. Estes 14 discursos son todos intervencións miñas estrictamente orais. Eu fago sobre a marcha un guion, e despois falo. Só hai unha conferencia, a última, que é do ano 2023, que se sae dese período, sobre Fernández del Riego, alí en Lourenzá, porque era o ano que se lle facía a homenaxe na súa patria. Esa é a única conferencia que escribín, as demais foron ditas a partir dun guion moitas veces improvisado minutos antes. Algúns deses guions publícanse no libro.

—Sobre que versa nesas conferencias?

—As charlas, imos dicilo así, son moi distintas: dende conferencias na Universidade de Santiago, ata unha charla a nenos de 8 anos nunha escola pública en Vilagarcía de Arousa, porque lles falei a eses pequenos sobre as «Memorias dun neno labrego», incluso lles falei da conciencia de clase e da loita de clases...imaxínese vostede a eses pequenos que non collían palabra! Pero bueno, todo tiña que ver coas «Memorias dun neno labrego». E como estamos na faceta que é máis frecuente en min, que é o socialismo e o marxismo, nese período, no 2017, eu pronunciei unha conferencia invitado por eles no colexio maior dos xesuítas de Santiago sobre a Revolución soviética de 1917. Creo que foi a única conferencia sobre ese tema no centenario que se pronunciou. Polo tanto, a miña oratoria vai dende nenos de 8 anos ata rapaces universitarios que solicitan de min unha disertación sobre o significado no ano 2017 que tivo no ano 1917 a Revolución soviética. Cando eu falo de 5.000 intervencións miñas, tamén teño en conta as veces que durante a época de Franco falei clandestinamente, a camaradas, a amigos, a xente afín… Polo tanto, eu creo que a idea desta Carmen Blanco Ramos (eu non o debería dicir, pero debo dicilo) foi unha idea acertada, porque se a miña obra intelectual ten algunha valía (non só a escrita, tamén a oral), a oral perderíase. Neste caso, neses 14 discursos, xa non se van perder. Nin os outros restantes ata os 66, porque eses son catro tomos que transcribiuCarmen Blanco, e que ela e máis eu imos doar a un arquivo que hai en Ourense, que se chama Alxam (Arquivo Literario Xesús Alonso Montero), que está na biblioteca da Deputación de Ourense Entón, o resto das grabacións, as que non se publican aquí, van quedar alí por se alguén ten curiosidade, que poida consultalas. Isto é o esencial.

—De onde vén a súa inquedanza intelectual pola lingua galega?

—Bueno, a miña inquedanza sobre a lingua galega inscríbese nun discurso ou nunha concepción máis ampla. Eu son marxista, eu creo que nacín marxista. Dicía miña nai de broma que cando nacín cantaba a Internacional, miña nai era moi bromista. Entón, o meu compromiso coa lingua galega, é un compromiso… Alá polo ano 50 ou 51, falar en galego o estudante universitario como era eu, nunha vila, nun baile cunha rapaza… era unha empresa heroica. Por que? Porque o galego identificábase coa pobreza. Sobre todo coa peor das pobrezas: a pobreza rural. Por iso hoxe hai unha palabra, que daquela non existía: aporofobia, que é o medo ou o horror, o desdén, á pobreza. Entón, defender o galego era defender non á lingua de Galicia, senón a lingua (como diría Gramsci, un famoso marxista italiano) das clases subalternas de Galicia. Dito dunha manera máis vulgar, das clases populares. Polo tanto, o meu compromiso, que logo me levou ó estudo do galego e á súa divulgación, ten que ver coas miñas premisas marxistas, que creo que forman boa parte da miña vida, na época de Franco. E, despois, eu aínda asombrosamente para moita xente, son militante do Partido Comunista; cada tres meses pago a miña cota, e de cando en vez vou ás reunións. O que pasa é que, como teño case 96 anos, pois os camaradas tamén me eximen de ir a certas reunións, porque non deixa de ser un traballo. E de aí vén o meu compromiso.

—E ise compromiso dirixiu ata a elección do que ía estudar, non?

—Cando terminei o bacharelato, no ano 48, non estudiei na Universidade de Santiago o grao en Filosofía e Letras porque non había a especialidade de Filoloxía Románica, que era o que eu quería estudar e o saber que máis me aproximaba á preocupación que eu tiña (por un lado, a literatura e, por outro, a lingüística. E dentro da lingüística, a lingua galega). Por eso eu fun case medio enganando ós meus pais a estudar á facultade de Madrid, que alí, na facultade de Filosofía e Letras si había Filoloxía Románica. Ademais, tiven a sorte de ter dous grandes profesores: don Dámaso Alonso, da Xeración do 27, e que era catedrático de lingüística románica; e un extraordinario profesor chamado Rafael Lapesa, que era o catedrático de gramática histórica española.

—Coido que tivo algún problema polo seu labor.

—Si, bueno, non pola miña defensa do galego, eu tiven problemas porque a policía, dende o ano 60, que eu cheguei como catedrático de lingua e literatura españolas ó instituto de Lugo, fichoume xa como comunista. Recentemente publicouse un libriño co informe que fai a Dirección Xeral de Seguridade en Madrid, no ano 68 sobre min, e sitúame nesas coordenadas. Por tanto, os demais problemas… A lingua galega é unha cousa máis. O que lles preocupa a eles, fundamentalmente, é a concepción marxista que eu levo á literatura, que eu levo ó xornalismo, que eu levo á oratoria, e que eu levo ás miñas inquisicións ou estudos sobre a lingua. No franquismo algo disto podía decirse, pero con moita cautela. Eu, por exemplo, no ano 66, nun xornal de Madrid que se chamaba «Signo», que era de corte católico, e por ser da Igrexa non tiña que ir á censura, publicou un número monográfico no que colaboraron 20 ou 25 escritores galegos, sobre Galicia. Aí, eu fixen un artigo que se titulaba: «El gallego es un idioma vil en el ideario burgués». Evidentemente, para los censores de Franco, sobre todo para os de Fraga Iribarne, alguén que fai esta formulación certamente coxea dun pé, coxea do pé esquerdo.

—E incluso estivo apresado algunha vez?

—Eu tiven problemas, pasei moitas… A primeira vez que me levaron á comisaría en Lugo, no ano 72 ou así, estiven 12 horas nun interrogatorio, de 12 da mañán a 12 da noite. Mentín!  Estou moi orgulloso de ter mentido, porque eles o que querían era saber de min, saber de amigos e colegas meus, pero eu non sabía nada do que me preguntaban. A min, no ano 75, desterráronme a Montilla, provincia de Córdoba, como catedrático de instituto. Teño, por exemplo, nese arquivo que antes mencionada de Ourense, unha carpeta chea de multas, gubernativas, de telegramas prohibindo conferencias miñas… O franquismo era o franquismo, era unha ditadura de dereitas ó servicio dos ricos, ó servicio dos latifundistas, dos banqueiros, da xerarquía eclesiástica… E contra esa morralla eu estiven, estou, e estarei. Aquí vai un discurso máis que na próxima edición meteremos [rise].