Saltar ao contido principal

PAISAXES

 Un dos días desta semana            

que vén de rematar achegueime á praia de Lapamán, na parte que pertence ao concello de Bueu. Nese municipio, como nos outros do Morrazo, xa estivera en diferentes ocasións desde hai anos, mais nunca me cadrara achegarme a ese areal. Gustei da limpeza da branca area e da transparencia da auga, dun delicioso frescor. Había tempo –e adoito bañarme, en calquera mar, sempre que teño ocasión– que non gozaba tanto na auga como ese día, de mañá e de tarde, pois xantei, correctamente, nun dos chiringuitos de pé de praia.


A media tarde decidín facer un percorrido pola costa da península morracense, que coñezo escasamente. Unha das paradas foi no cabo Udra, sito na parroquia bueuesa de Beluso, dentro dunha área de protección, compartida polos municipios de Bueu e de Cangas, que desde 2014 ten a consideración de Zona de Especial Conservación. Así nolo fai saber un panel de estrutura de madeira espetado ao pé da praia de Ancoradouro: “ZEP Cabo de Udra”, onde se nos explica que estamos nunha “Zona de Especial Protección dos Valores Naturais. Tramo costeiro duns 8 km de lonxitude entre as praias Mourisca (Bueu) e de Menduíña (Cangas) [...] “que inclúe importantes matogueiras costeiras, o hábitat máis representado no espazo natural...”. No ecolóxico panel recóllense, ademais, uns “Consellos de comportamento”, onde figuran os habituais de non facer fogueiras, non tirar lixo, non acampar por libre, non circular en coche ou moto polas zonas non habilitadas para iso, así como non introducir nin plantas nin animais exóticos, xa que “Causan un gran dano no equilibrio da natureza”.


Isto último non deixa de ter a súa graza, pois, só con sacar os ollos do panel, ao carón do monte baixo de queirogas, vemos un bo número de exemplares de especies arbóreas (piñeiros e, fundamentalmente, eucaliptos) que, parece claro, non forman parte da flora orixinal dese espazo ribeirán, como si o fan os ameneiros ou freixos, típicos dos bosques de ribeira, que en moita menor medida podemos ver polo espazo que ocupa a ZEP. As citadas especies intrusas, non lle farán mal ao alegado equilibrio da natureza? Non habería que telos eliminado, predicando co exemplo? Penso que, desde 2014, tempo houbo de abondo para facelo. Pero...

Está moi ben iso de falar de espazos protexidos e da necesidade de conservalos, mais a realidade, que é tozuda, demóstranos a cada paso que hai moito de enganosa propaganda. Cando dou con zonas destas sempre me veñen á cabeza as fragas do Eume, a cada paso máis papadas polos eucaliptos, malia o que nos poidan dicir as autoridades da Xunta, ás que, precisamente, non vexo moi implicadas na conservación do que, sen dúbida, é o bosque caducifolio mellor conservado de Galicia. A abundante presenza de eucaliptos e dos intereses comerciais a eles vinculados semellan ter un peso non menor ao da conservación das fragas. Se nun lugar de tanta importancia ecolóxica acontece iso, que podemos esperar nas zonas onde a relevancia é menor? Creo que pouca cousa, non outra máis aló de cubrir a apariencia de administración comprometida coa conservación de espazos naturais.


Como non podía ser doutra maneira, acabei a excursión no Hío, contemplando, máis unha vez o seu fermosísimo cruceiro decimonónico. Sinto unha particular atracción -fóra de calquera caste de relixiosidade- por este tipo de populares monumentos, sinaladamente por este que acabo de citar.