Preguntado a pasada segunda feira polos medios de comunicación, o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, afirmaba que as medidas “excepcionais” adoptadas pola Consellaría de Sanidade para facer fronte ao verán están “a dar un bo resultado”.
De feito, apuntaba que a sanidade pública “funciona con normalidade”. Non opinan o mesmo os milleiros de persoas que sofren esperas de entre unha e dúas semanas para seren atendidas pola súa médica ou médico de Atención Primaria e, de feito, as protestas contra os recortes sucédense por concellos do país.
“Bos resultados” tampouco dá a sanidade pública se falamos de investimento á vista da memoria que a semana pasada presentaba o Consello Económico e Social da Galiza (CES) e do que nos facemos eco.
O órgano consultivo, que reclama ao Goberno galego máis medios económicos e humanos para o ámbito sanitario e unha mellora na organización, pon o foco na “perda peso no total” do orzamento de Atención Primaria de 2024.
De feito, Galiza é a segunda autonomía do Estado español cun menor investimento na materia, tal e como evidencian as cifras da Intervención Xeral da Administración do Estado (IXAE), organismo dependente do Ministerio de Facenda. Se isto non abondase, Galiza sitúase por baixo da media estatal en persoal médico e de enfermaría. Onde quedan eses bos resultados?