Saltar ao contido principal

'Os Andares': a emoción como guía para percorrer a serra dos Ancares nunha viaxe sonora

 No medio da ponte medieval da Proba de Navia, xusto no punto máis alto do arco apuntado que preside o río, comeza a primeira viaxe sonora de Os Andares. Se estás sobre o río Navia, e mirando cara o castelo, “emprende o camín”, di a voz da actriz Patricia Vázquez, que guía este percorrido pola aldea de Navia de Suarna.

José Díaz e Iria Azevedo, de Fósforo Arte & Cultura, xunto a Marcos PTT do Colectivo Galiza Emocional, dirixen este proxecto artístico e inmersivo pola serra dos Ancares. Seis guías emocionais que se mesturan o documental e a ficción coa meta de afondar no coñecemento da Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá.

As viaxes sonoras de Os Andares están dispoñibles en liña e para a súa descarga, poden facerse calquera día do ano á hora que sexa e son unha experiencia individual, aínda que se poden realizar en grupo. Só hai que escoller unha ruta, ir ata o punto de inicio, poñer os auriculares e darlle ao play.

Ponte medieval da Proba de Navia CC-BY-SA Ana G. Liste/Praza.gal

Con 25 anos de experiencia como produtor artístico, José Díaz quixo desprenderse do “hermetismo” do circuíto pechado no que se moven ás veces as artes, co obxectivo de lograr verdadeiros cambios na sociedade. Por iso constituíu o estudo Fósforo, cuxa filosofía é coller o talento e os procedementos artísticos e levalos a outras industrias distintas.

Díaz busca traballar no eido educativo, no dos colectivos sociais ou do turismo sostible. Interactuar con ámbitos da sociedade máis alá dos artísticos para tender pontes e “que o talento artístico reverta realmente na comunidade, para conseguir transformacións sociais”.



Hemeroteca