Saltar ao contido principal

O espectáculo da Olimpíada

 


 

Gústame o deporte en case todas as súas modalidades, así que lle estou a dedicar máis tempo á TV do que habitualmente lle dedico, que é case nada. Vin un documental previo a inauguración onde un equipo interdisciplinario explicaba o inxente traballo que supuña por todo a punto. Foi algo deseñado explicitamente para a TV con imaxes gravadas mesturadas con directos, algo que para min careceu de espontaneidade: cansoume o desfile de embarcacións cargadas de deportistas, un intento de lle dar orixinalidade a algo que se estaba a ver en todo o mundo. Sacar aos deportistas da catedral do deporte que é o estadio olímpico resulta as veces arriscado. Pero en fin, para gustos se pintan cores e abofé que cores houbo a esgalla.


No puramente deportivo sego a non entender como deportes que figuraban no elenco olímpico arestora non están, e outros que aparecen baixo o meu punto de vista sobran, claro que só é a miña opinión e como tal absolutamente discutible. Por exemplo, non entendo iso do baloncesto a tres habendo un baloncesto a cinco. O de xogar tres baixo unha cesta lémbrame ao que facíamos no tempo de lecer no patio do instituto. E o do  “voley praia” a dous tendo xa o voley na pista a seis?  Non sei os motivos polos que desapareceu como deporte olímpico o karate que tantas satisfaccións dou ao deporte español, dito sexa de paso, e segue aí o boxeo, un deporte en franco declive.


O barón Pierre de Coubertín, nado por certo en París e fundador dos Xogos Olímpicos modernos dixo aquilo de que o importante é participar. Si, pero gañar tamén é importante e quen mais e quen menos soña con se facer cunha medalla, non si? Tanto é así que xa tíñamos unha case asegurada no tenis con Nadal e Alcaraz xogando de parella, pero o dúo americano ditou sentenza e rematou co soño. Por certo un dos seus compoñentes ten corenta anos, dous máis que Nadal o que vén demostrar que a idade pode influír pero conta máis o estado físico e o adestramento, pois os nosos apenas tiveron tempo a adestrar xuntos, e así neste caso o noso gozo rematou no pozo da desilusión. Ben estivo que todo isto fose un recoñecemento a Nadal polas súas dificilmente superables e incuestionables achegas ao deporte a sabendas de que gañar unha derradeira medalla estaba realmente complicado. Carlos Alcaraz quizais o acade. Axiña comezarán as probas de atletismo, o denominado deporte rei, e unha vez máis comprobaremos ata que punto o ser humano pode superar certas barreiras  que ata hai nada eran inalcanzables, como as superadas pola ximnasta americana Simone Biles, unha rapaza que semella vir doutra galaxia. O seu paso polos catro aparatos é para gardar. Seguirei desfrutando.