| 12:08 (hace 2 horas) | |||
Bo día
Desde A Asociación Galiza por Palestina en nome da Coordinadora Galega de Solidariedade con Palestina, enviamos nota de prensa, anexamos o documento e o cartaz da campaña de denuncia e boicot da participación dun equipo israelí na Volta ciclista a España
A VOLTA CICLISTA BRANQUEA O XENOCIDIO EN GAZA.
Comunicado de denuncia á participación do equipo israelí Israel Premier Tech na Volta ciclista a España.
Santiago de Compostela, 26 de agosto, a Coordinadora Galega de Solidariedade con Palestina, integrada pola Asociación Galaico Árabe Jenin, Mar de Lumes, e Galiza por Palestina, , denuncia a complicidade da Volta Ciclista a España co xenocidio en Gaza.
A Volta ciclista a España estará na Galiza desde o día 27 até o 30 de agosto. Pontevedra será a primeira provincia en recibir o pelotón o martes 27 de agosto, na décima etapa da competición. O percorrido comezará en Ponteareas e finalizará en Baiona, as outras tres etapas na Galiza serán en Padrón o día 28, Lugo-Ancares o 29 e Ourense-Manzaneda o día 30.
A Volta ciclista a España é un evento deportivo cun amplo seguimento de medios e de asistencia de público en cada etapa que debería ser exemplo de xogo limpo e valores humanos, mais está marcado pola complicidade co xenocidio en Gaza.
En primeiro lugar, Carrefour é a empresa patrocinadora do evento, unha multinacional que mantén acordos coas compañías de Israel, ten filiais nos territorios ocupados da Palestina e doa bolsas de alimentos ao exército sionista que impide a chegada de axuda humanitaria e asasina a poboación de Gaza.
Ademais, neste ano o equipo israelí Israel - Premier Tech participa na volta, un equipo fundado polo sionista estadounidense Ron Baron e patrocinado polo estado de Israel e o seu Ministerio de Turismo. Creado expresamente para seren embaixadores “da diplomacia deportiva” e “da paz no mundo”. Esta estratexia de “sportswashing” pretende mellorar a imaxe internacional de Israel e normalizar a súa política colonial e xenocida.
Lembramos que segundo a Corte Internacional de Xustiza a complicidade cun xenocidio é un delito e é unha obriga de todos os países participaren na denuncia e no boicot da maquinaria de ocupación sionista.
Lamentamos e condenamos a complicidade tanto da organización da Volta Ciclista a España como dos medios públicos do estado español -RTVE- con empresas e organizacións que sustentan e branquean a barbarie sionista na Palestina. Rexeitamos a instrumentalización de eventos culturais e deportivos polo réxime sionista e pedimos o boicot á participación de representantes do ente terrorista.
Mentres destrúen escolas e hospitais, negan a mínima asistencia humanitaria e asasinan centos de palestinas diariamente non permitiremos o lavado de cara en competicións deportivas nin en ningunha actividade pública na nosa terra. Desde a Coordinadora Galega de Solidariedade con Palestina, reiteramos o noso compromiso coa loita polos dereitos do pobo palestino, informamos que estaremos presentes durante o percorrido visibilizando a solidariedade galega coa Palestina e instamos á cidadanía galega a visibilizar a causa palestina e o apoio inquebrantable do pobo galego, levando bandeiras palestinas, kufiyas e bandeiras galegas durante o paso da Volta ciclista polas localidades galegas e lanzamos tamén unha campaña nas redes sociais para visibilizar o boicot.
A Volta branquea o xenocidio! Fóra Israel das nosas institucións!
Do río ao mar, Palestina vencerá!
Contactos:
Mar de Lumes: Ignacio Pavón - 661550289
Galiza por Palestina: Angela Gippini - 654346081