Jorge Meis 7 de agosto de 2024, 20:47
Concentración en Ferrol por el último feminidio en A Coruña, Mercedes Ríos.
Ante o feminicidio de Mercedes Ríos na Coruña: Compañeiras, o luns coñeciamos a terríbel nova dun feminicidio na Galiza, desta volta no barrio de Labañou, na Coruña. Desde o feminismo galego activamos o noso protocolo de alarma que ten como obxectivo organizar unha resposta contundente que se materialice en mobilizacións de repulsa aos feminicidios por todo o País. Desde o ano 2010 son máis de 70 as mulleres que foron asasinadas na Galiza, hoxe concentrámonos de novo por todo o país para amosar a nosa repulsa. Estas son as cifras da vergoña, as cifras que non se borran, as cifras das nosas asasinadas. Na loita contra os feminicidios seguimos agardando medidas serias, reais e efectivas que avancen na loita e combate desta lacra, non serven os minutos de silencio nin os lazos lilás. Seguimos vivindo por todo o territorio galego situacións de violencia: violencia institucional, obstétrica, sexual, psicolóxica... O sistema non para e nada do que se fai é minimamente suficiente. Exiximos recursos de verdade para loitar contra un machismo que nos agrede a diario, que nos violenta a diario, que non nos deixa ser libres. O feminicidio é a mostra máis dolorosa dun sistema que acaba pouco a pouco coa nosa vida. Sistema que é alimentado clara e directamente desde as institucións, institucións que mandaron unha nota de prensa pola asasinada mais que nada fan desde o privilexio por reverter a situación. Institucións como a Xunta, gobernada polo Partido Popular, que vén de suprimir a Secretaría de Igualdade, que vén de licitar os centros 24h de atención a vítimas violencia sexual para que a súa xestión sexa privada. Un Partido Popular que se disfraza de vangarda na loita pola defensa das mulleres pero que actúa contra nós. Exiximos que a lei galega para a prevención e o tratamento integral da violencia machista sexa efectiva. Exiximos recursos suficientes para abordar este problema en todas as etapas das nosas vidas e un compromiso real, de toda a sociedade, para acabar co terrorismo machista. Desde aquí, as nosas prazas e as rúas, organizamos a raiba fronte a quen nos quere destruír, porque sabemos que todos os avances foron gañados desde aquí, desde a constante mobilización feminista. Porque sen organización non hai loita e sen loita non hai dereitos! Hoxe tomamos a rúa por Mercedes Ríos, para responder á violencia que sufrimos as mulleres e á súa máxima expresión sen importar a etapa das nosas vidas. Querémonos libres e querémonos vivas! Por Mercedes e por todas, seguiremos en marcha até que todas sexamos libres!