Saltar ao contido principal

Atracadas e atrapadas

 

Carme Adán

Carme AdánProfesora


Existe unha autoestrada que ostenta o título de ser das máis caras de Europa e que ofrece atasco seguro en fin de semana. Vertebra Galiza pola costa, converténdose na arteria principal do eixe atlántico. De Ferrol a Portugal semella imposíbel circular se non é por unha vía de pago, carísima, que nun domingo de sol volve a converterse nunha trampa para ratos da que non se pode saír.

Non son quen de lembrar cantas veces entrou en campaña electoral a AP-9. Castas veces debateron parlamentos e plenos municipais sobre as abusivas peaxes ou sobre a transferencia a Galiza da súa xestión. Tanto ten, vinte catro anos despois da vergoñenta prórroga de Aznar da concesión ata o máximo legal de 75 anos seguimos igual. Isto é, pagando os galegos e galegas un imposto constante pola nosa mobilidade.  Mobilidade que sofre unha penalización económica que en compensación só nos agasalla con atascos e retencións constantes.

A propia Comisión Europea sinalou que existiron irregularidades na ampliación da concesión xa que incumpriu a lexislación europea en materia de contratos. As empresas amigas do PP fixeron o negocio redondo que aínda ten décadas de vixencia se non existe unha vontade clara de revertelo. Non chega con bonificar a mobilidade nos desprazamentos no mesmo día. Por razóns múltiples fixen durante anos, e sego a facer, a autroestrada de xeito habitual. Sempre sinto unha especie de furia cada vez que vexo o importe mensual que debo pagar pola miña mobilidade. Coma min estou certa que miles de galegas e galegos senten esa furia ante esta inxustiza. A pregunta é como seguimos calando e aguantando estoicamente esta burla política.

En 2003 o PP vendeu a Audasa a Sacyr por 1.586 millóns, logo de ganancias millonarias coa nosa mobilidade queren que creamos que rescatar a AP-9 son 4.000 millóns e que iso o fai imposíbel. Os debates sobre este entramado de intereses e favores fica nas paredes da cámara galega e de cando en vez chega ao Congreso da man do BNG porque, sendo francas, nin PSOE nin PP teñen como prioridade a mobilidade en Galiza. Pensemos no tren de cercanías galego que non existe ou na dificultade para ter una praza en venres ou domingo. Pensemos na axilidade con que chegou algo semellante ao AVE a Galiza ou como o interior de Galiza está condenado a unha mobilidade de transporte privado. Todo un despropósito.

É certo que este domingo desfrutei desas horas de descanso coas que sempre agasalla a AP-9 despois dun baño na praia no intento de regresar a casa pola única ponte que existe para facelo. Aí dentro do coche, fresca grazas ao aire acondicionado, e compartindo destino con tantas outras persoas amantes da praia e o bo tempo repasei ás veces que pagamos en centimos as peaxes para denunciar esta situación ou as accións do movemento veciñal do Morrazo para conseguir a liberalización de Rande. Nese pracer de final da tarde quixera ter convocado as galegas e galegos a bloquear as entradas, arrancar as barreiras ou saltarse sistematicamente as peaxes.