Hai algún tempo xa que xente máis nova me pregunta: e as activistas maiores como sobrevivides? Co paso dos anos (eu acabo de facer corenta e nove) a perspectiva do tempo ten que irse combinando coa empatía para entender que estar viva un ano máis é un privilexio. Neste momento no que aínda non es tan vella como para que o único que importe é pensar na propia mortaldade e moito menos tan nova como para sentires que tes toda a vida por diante, son moitas as veces nas que cada vez teño máis claro que se a idade ten que ter unha función, esta debe ser a de acompañar. Acompañar sen xulgar, comprender, compartir o que se sabe. Responder as preguntas que se nos fan e suscitar outras novas.
A min, por exemplo, provócame moita curiosidade entender por que tras todo o traballo que fixemos as autoras do colectivo LGBT dunha certa xeración para saír de trilladas narrativas, neste momento percibo un rexurdimento da idea da literatura LGBT/cuir como unha especie de nicho no que só collen as relacións tóxicas, as crises de ansiedade, a drogadicción, o drama. Custou moito traballo saír desas lóxicas e das súas consecuencias, que non son menores, e das que fala con tino e coidado Sara Ahmed sobre todo en The Promise of Happiness. Pregúntome que leva a xeracións máis novas a descoñecer as que viñeron antes e respóndome que a responsabilidade nunca é delas, senón dun sistema que a miúdo non ofrece os referentes que temos máis próximos, senón aqueles que se impoñen dende outros lugares. Hai moito que reflexionar aí e moitas pontes que tender, sen xuízos nin amoestacións. Porque a profundidade do pensamento só se dá cando hai un espazo de acollida e escoita activa por todas as partes.
É nese espírito de transversalidade, de dar a coñecer, de valorar, que un ano máis (e xa vai alá máis dunha década) dende A Sega celebramos o Día das Galegas nas Letras 2024 que dedicamos a María Mariño. Porque, para dar resposta á pregunta de apertura, as activistas maiores só sobrevivimos cando creamos comunidades. Cando temos outras que valoran o que facemos, que nos acompañen e nos alenten cos seus coñecementos. Todas as idades son precisas, todas as experiencias deben sumar. Porque a miúdo esquecemos as moitas facturas que pasa o traballo da rebeldía, que se fai invivible en soidade, con demasiado sufrimento e agresións. Porque o máis transformador é sempre a compaña que nos acompaña no proceso.