Ferrol chora a perda do que foi propietario do bar Imos Aló, activista en Adega, militante do BNG, loitador en tantas batallas
14 ago 2024 . Actualizado a las 11:48 h.Oeternamente festivo Canido xa nunca volverá a ser tan novo como cando vivía Serxio Perille. Sempre cunha sonrisa e tan desprendido que daba todo... con tal de que ninguén estivese triste. O enorme Serxio faleceu esta mañá, deixando atrás familiares, amigos e veciños que choran a súa perda. Nacido en Ferrol en 1976, propietario do bar Imos Aló, activista en Adega, militante do BNG e loitador en tantas batallas como a da súa última enfermidade. «Nunca a expresión de bo e xeneroso foi tan acertada como con Serxio Perille», coindicen Iván Rivas e Roberto Taboada. Ferrol faise así un pouco máis vello con esta marcha, dun home solidario como poucos, «alma de Canido, eterno».
Desde a asociación veciñal do barrio, a Intrabarrial de Canido, Roberto Taboada explica que «el fixo de todo, sempre foi bo e xeneroso, parece un tópico pero Imos Aló era como un centro comunitario onde ninguén se iba sen tomar algo grazas á súa xenerosidade, el dábase aos demais... atendeu aos seus netos como un pai». Serxio deixa atrás á súa querida muller e a unha gran familia, da que se amosaba tan orgulloso. Como indica Taboada, «de Serxio poderiamos dicir tantas cousas boas...»
Iván Rivas foi compañeiro de Serxio desde o pupitre do colexio Cruceiro de Canido, amigo durante tantos anos, compañeiro de militancia: «Para min a nivel persoal e para o BNG é unha perda enorme, pola súa implicación no barrio e por participar en tantísimos proxectos colectivos da cidade, do BNG ou de Adega». O portavoz do BNG de Ferrol destaca «a relación que tiña el cos veciños e veciñas, amable e disposto a facer un favor»
Iván Rivas recorda con pesar que «nos coñecíamos desde nenos, e ás veces a vida é dura polas circunstancias que nos tocan». Membro dunha familia traballadora de Canido, Serxio tivo que enfrontarse desde pequeno a moitas adversidades: «Pero el era todo corazón, se podía darche o que tiña... prefería que o tiveras ti con tal de axudarche». Todo o mundo coincide na súa «amabilidade e capacidade para botar unha man a calquera». A cabalo entre a rúa Alonso López de Canido e o seu querido Monfero, defensor da natureza e con últimas loitas como contra os eólicos, presente en Medulio ou nos Maios, comprometido cos hostaleiros, «moi bo ao igual que todos os seus familiares». Os que queiran darlle unha última despedida poden achegarse ata o tanatorio de San Lorenzo.
A vida de Serxio Perille non foi unha vida calquera, porque será recordado moitos anos como nos versos de Eduardo Pondal: «Os bos e xenerosos a nosa voz entenden, e con arroubo atenden o noso rouco son».